Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “As nosas bibliotecas son servizos esenciais e espazos seguros”


O Servizo Municipal de Bibliotecas da Coruña pon en marcha unha campaña dixital desde hoxe e até o 24 de outubro para conmemorar o Día Internacional da Biblioteca, que se celebra este sábado

As Bibliotecas Municipais da Coruña prepáranse para celebraren este sábado o Día Internacional da Biblioteca, en conmemoración da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada no 1992 durante o conflito dos Balcáns. As bibliotecas van desenvolver unha campaña dixital en liña desde hoxe e até o 24 de outubro. A rede municipal de bibliotecas súmase, deste xeito, á iniciativa impulsada polo Ministerio de Cultura “Bibliotecas, sempre ao teu carón”, coa que se honrarán as persoas usuarias deste servizo, á vez que se porá en valor a vinculación existente con estas.

A alcaldesa, Inés Rey, sinala que a dita campaña “terá como obxectivo transmitirlle á cidadanía que as nosas bibliotecas son servizos esenciais e espazos seguros e que as persoas usuarias poden volver a usalas con tranquilidade, xa que son espazos que cumpren todas as medidas sanitarias obrigatorias”. Con motivo desta celebración, a rexedora visitará a Biblioteca Fórum o día 23 para coñecer de primeira man as medidas de seguridade adoptadas e mostrar o seu apoio a este servizo municipal.

Desde a Concellaría de Cultura, a través do Servizo Municipal de Bibliotecas, explican que “as circunstancias sanitarias excepcionais que estamos a vivir obrigan a reformular as celebracións, motivo polo que este ano a conmemoración vai consistir nunha campaña de difusión e promoción cunha dobre temática: “Bibliotecas, servizos esenciais” e “Bibliotecas, espazos seguros”. Desde hoxe e até o día 24, a través das redes sociais e das plataformas dixitais deste servizo, difundiranse pequenos vídeos en que as lectoras e lectores, xunto co persoal bibliotecario, transmiten unha mensaxe de tranquilidade sobre a seguridade da utilización das bibliotecas e onde as testemuñas de persoas usuarias lembran o que supuxo para elas o descubrimento e a incorporación desta rede na súas vidas. Baixo o epígrafe “Lemos para ti”, promoveranse podcasts con textos lidos que teñen relación coas bibliotecas e a lectura. Ademais, crearanse cancelos para difundir os vídeos e os podcasts (#bibliotecaaoteucarón, #BibliotecasSeguras, #díadelabiblioteca), haberá mostras bibliográficas nestes espazos municipais e regalaránselles máscaras personalizadas co lema #BibliotecasSeguras a todas as persoas que acudan ás bibliotecas do Concello os días 23 e 24 de outubro.