Friday 22 de November de 2024

Igualdade e o Instituto da Muller estudan vías de colaboración centradas nas mulleres rurais e o emprendemento feminino


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá en Madrid coa directora xeral do Instituto da Muller, Carmen Plaza

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá en Madrid á directora xeral do Instituto da Muller, Carmen Plaza, para perfilar liñas de colaboración entre ambas entidades, especialmente centradas nos eidos do rural e o emprendemento feminino.

López Abella valorou positivamente o encontro e incidiu na necesidade de cooperar entre as distintas administracións para aproveitar sinerxías e poder ofrecer mellores servizos á cidadanía; por iso na reunión tamén se abordou a posibilidade de desenvolver novos proxectos entre o Instituto, a Xunta e os concellos galegos.

Precisamente, un dos asuntos clave de hoxe foi o análise de tres programas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, que se están implementando durante o bienio 2014-2015 en concellos das catro provincias galegas.

O programa “Aurora” está destinado a mellorar a inserción socio-laboral das mulleres do medio rural; “Irene” á información, formación e prevención da violencia sexual en adolescentes: e “Clara” á incrementar a empregabilidade e a participación social das mulleres en situación ou risco de exclusión social e laboral.

No programa “Aurora” participan os concellos de Maceda, Amoeiro, Castrelo de Miño, A Pobra de Trives e Veiga, en Ourense; e Catoira, na provincia de Pontevedra. No programa “Irene” participan Vigo, Redondela e Baiona, en Pontevedra; e os ourensanos Verín e O Barco de Valdeorras. Por último, ao programa “Clara” están adscritos os concellos de Boimorto, na Coruña, e Allariz, en Ourense.