No marco destes controis os axentes identificaron a 38 persoas e tramitaron 19 denuncias en oito concellos da provincia coruñesa
Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana 17 dispositivos na provincia da Coruña no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 42 inspeccións en 8 concellos da provincia na pasada fin de semana, que deron como resultado a identificación de 38 persoas e a tramitación de 19 actas de infracción.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 16 ao 18 de outubro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Leváronse a cabo 17 dispositivos nos municipios da Coruña, Santiago de Compostela, Ames, Boiro, Melide, Noia, Ordes e Porto do Son.
No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 23 concellos, nos que que se rexistraron 97 operativos cun total de 121 inspeccións, con máis de 600 persoas identificadas e 28 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.