Friday 22 de November de 2024

Carral abre o prazo de inscrición para as Escolas Municipais, que nesta edición contarán con 17 actividades


Os interesados poderán anotarse desde mañá, 20 de outubro ás 9.00 horas, ata o día 28. Terán que presentar a solicitude, preferiblemente, de xeito telemático a través de casadacultura@carral.es ou da sede electrónica www.carral.es

O Concello abrirá mañá, martes 20 de outubro, o prazo de inscrición para as súas Escolas Municipais. Co fin de reducir o risco de contaxio pola COVID-19, as 17 propostas que conforman a oferta desta edición levaranse a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade. Así, o desenvolvemento das actividades estará limitado a grupos de 10 persoas (nove participantes máis o monitor/a), a máscara será obrigatoria e procurarase manter, en todo momento, a distancia interpersoal de seguridade.

O protocolo elaborado pola Concellería de Deportes indica o seguinte: as instalacións ventilaranse tanto durante o desenvolvemento da actividade como despois da participación de cada grupo –os labores de ventilación complementaranse coa desinfección da estancia-. A maiores, non poderá acceder ao recinto ningunha persoa agás o propio alumno/a, queda prohibida a utilización dos vestiarios e os baños só poderán empregarse en caso de urxencia.

Na convocatoria actual, o Concello ofrecerá as seguintes actividades:

· Atletismo escolar (a partir de 5 anos)

· Ximnasia rítmica escolar (nados no 2017 e anteriores)

· Patinaxe escolar (a partir de 4 anos)

· Tiro con arco (a partir de 6 anos máis persoas adultas)

· Baloncesto (a partir de 6 anos)

· Pádel (a partir de 6 anos máis persoas adultas)

· Equitación (a partir de 7 anos máis persoas adultas)

· Tiro olímpico (a partir de 8 anos máis persoas adultas)

· Zumba (a partir de 14 anos)

· Tai Chi (a partir de 14 anos)

· Ioga (a partir de 14 anos)

· Jumping fitness (a partir de 14 anos)

· Pilates (a partir de 14 anos)

Os socios do Complexo Deportivo poderán acceder, ademais, á seguinte oferta deportiva gratuíta: Zumba, G. Training, Abdominais, Circuit T., CORE y GAP.

O Concello contará tamén cos programas Aprender a aprender e Debuxo e pintura como parte da oferta de educación. Ademais, o executivo ofrece o servizo Madrugadores e o Venres Ventevindo.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude cuberta e asinada, preferiblemente, de xeito telemático a través do correo casadacultura@carral.es ou da sede electrónica www.carral.es. Así mesmo, poderanse presentar de xeito presencial na Casa da Cultura ou no Complexo Deportivo. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 20 de outubro ás 9.00 horas, ata o día 28.