Saturday 16 de November de 2024

Feijóo anuncia que os beneficiarios das axudas para a compra de caldeiras de biomasa contarán cunha dedución do 5% na súa declaración da renda


Salienta que a Estratexia integral de impulso da biomasa, que mobilizará 450 millóns de euros ata o ano 2020, triplicará o consumo da biomasa en Galicia, diminuirá o consumo de petróleo e contribuirá á xeración de 1.000 empregos na Comunidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, tras o Consello, que os beneficiarios das axudas para a compra de caldeiras de biomasa contarán como novidade para este ano cunha dedución do 5% na súa declaración da renda, unha bonificación fiscal que pretende fomentar a instalación de equipos de climatización ou auga que empreguen fontes renovables.

Como apuntou Feijóo, as Consellerías de Economía e Industria e de Medio Rural e do Mar impulsaron conxuntamente a Estratexia integral de impulso da biomasa, que mobilizará 450 millóns de euros ata o ano 2020, triplicará o consumo da biomasa en Galicia, diminuirá o consumo de petróleo e contribuirá á xeración de 1.000 empregos na Comunidade.

Segundo destacou o presidente da Xunta, no marco desta estratexia o Goberno galego ten iniciado o procedemento de certificación da orixe e calidade dos pellets e estelas producidos en Galicia. Así mesmo, priorizáronse por parte do Igape e da Axencia Galega de Innovación os proxectos relativos á biomasa, cunha liña priorizada de axudas, investimentos ou subsidiacións a tipo de interese a aquelas empresas que vaian facer caldeiras de biomasa ou crear fábricas de pellets ou estelas.

Do mesmo xeito, Feijóo destacou o apoio da Consellería de Medio Rural á xestión sostible dos bosques galegos e ao impulso do uso da biomasa. Con respecto a isto, destacou que moitos hospitais do Sergas están cambiando as caldeiras tradicionais por caldeiras de biomasa e o Goberno galego tamén está en plena execución da rede de subministro de enerxía térmica de biomasa no complexo de San Caetano, ao que se unirá o de San Lázaro, “para que sexan os propios servizos centrais da Xunta os que dean exemplo de que isto é un investimento que, sen ningunha dúbida, interesa á economía galega”.

Así mesmo, o mandatario galego indicou que a primeira orde de incentivos para a implantación de caldeiras de biomasa, impulsada o ano pasado, permitiu a instalación de 400 caldeiras nos fogares galegos, 120 no tecido empresarial e 80 nas administracións públicas, o que supuxo un incremento do 15% do consumo de pellets e estelas da Comunidade. Nesta liña, destacou que o Consello renovou hoxe ese compromiso cun investimento total de 20 millóns de euros, dos cales 9,3 millóns son financiados con fondos públicos.

Os obxectivos da Estratexia
Segundo salientou o presidente da Xunta, a orde prevé a instalación de preto de 1.000 novos equipos de caldeiras de biomasa, con apoios que poden chegar a cubrir a totalidade do custo do proxecto (ata un máximo de 200.000 euros), co obxectivo de fomentar a instalación e uso das caldeiras de biomasa, incrementando a demanda deste combustible nos fogares, nas empresas e na propia administración pública, cun maior compromiso medio ambiental e ao tempo que reducen o seu gasto en calefacción á metade.

Neste sentido, Feijóo subliñou que un equipo de biomasa reduce os gastos de combustible respecto ao gasóleo nuns 700 euros nunha economía familiar, 13.000 euros nun edificio de servizos e ata 130.000 euros para unha industria. “Estamos, por tanto, reducindo custes, estamos creando emprego en Galicia es estamos consumindo combustible autóctono da Comunidade”.

“En definitiva, aprobamos hoxe a convocatoria máis grande que fixo a Xunta de Galicia en materia de biomasa. Vimos a completar a do pasado ano e creo que ben vale a pena sinalar que coa redución da dependencia enerxética do exterior; a mellora ambiental, reducindo o efecto dos gases contaminantes; o fomento da xestión sostible do monte; a creación de emprego e os importantes aforros económicos, ben vale a pena seguir nestas iniciativas”, concluíu.