O obxectivo prioritario é formar a cidadanía no uso de ferramentas dixitais fundamentais para a comunicación, a información e a colaboración.
As Bibliotecas Municipais da Coruña poñen en marcha o seu programa de formación dirixido especialmente a aquelas persoas que sofren en maior medida as restricións e limitacións sociais establecidas para superar a crise sanitaria por que non dispoñen de recursos e coñecementos necesarios para utilizar os medios dixitais que, agora, se evidenciaron como case a única alternativa aos nosos comportamentos habituais.
Seguindo este criterio, planificáronse cursos presenciais de distinta duración para ensinar, entre outros moitos contidos, a realizar videochamadas, sacar todo o proveito a WhatsApp, coñecer as redes sociais máis populares ou utilizar Youtube como ferramenta de aprendizaxe. Neste sentido, a maioría da formación realizarase sobre os propios teléfonos móbiles do alumnado debido á universalización do seu uso.
A formación non é puramente instrumental senón que vén acompañada dunha serie de consellos para evitar as noticias falsas ou “fake news”, facer un uso ético da información ou recomendacións para relacionarse no mundo dixital e a súa nova linguaxe.
Outro piar fundamental deste programa formativo constitúeo a denominada “atención tecnolóxica” onde unha persoa experta en cada unha das bibliotecas da rede atende de maneira individual e persoal a calquera persoa usuaria que teña dúbidas ou problemas no ámbito dixital, a configuración de dispositivos ou a realización de trámites en liña.
O calendario formativo, así como toda a información sobre a atención tecnolóxica está
dispoñible na web de bibliotecas: www.coruna.gal/bibliotecas.
https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/formacion/internet-e-comunicacion
https://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/usa-as-bibliotecas/as-bibliotecas-ofrecenche/atencion-
tecnoloxica-personalizada