Seguirán as tarefas iniciadas no tramo da autovía Ferrol-Vilalba, nas Pontes, e na vía de alta capacidade GC-1.5, no municipio de Noia
A Xunta comeza esta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada AC-546, ao seu paso polo municipio coruñés da Baña.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Nas estradas da provincia da Coruña continúan tamén os traballos iniciados a pasada semana de roza e limpeza nas marxes da autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo municipio das Pontes. Tamén seguen a desenvolverse estas tarefas na vía de alta capacidade GC-1.5, ao seu paso polo municipio de Noia.
En paralelo, na provincia de Lugo, seguirán as tarefas en marcha na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro.
Estas intervencións continuarán tamén a vindeira semana nas marxes da vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co Polígono industrial de Balaídos.
As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.