Feijóo segura que o decreto garantirá aos cidadáns a posibilidade de contrastar un primeiro diagnóstico ou unha indicación terapéutica en relación a determinados supostos de enfermidades, facilitando ao paciente unha maior información
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación do texto do decreto polo que se regula o dereito a pedir unha segunda opinión médica, que será remitido agora ao Consello Consultivo. Segundo sinalou, trátase dun decreto co que se garante aos cidadáns a posibilidade de contrastar un primeiro diagnóstico ou unha indicación terapéutica en relación a determinados supostos de enfermidades, tanto desde o punto de vista do diagnóstico, como da posible evolución e tratamento, ou das potenciais consecuencias que poida ter para a saúde.
Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, Feijóo explicou que con este decreto preténdese, en definitiva, facilitar ao paciente unha maior información que afiance a seguridade da decisión que tome, de xeito informado, consciente, participativo e autónomo. Neste momento, proseguiu, o Sergas xa está ofrecendo o dereito á segunda opinión médica no caso das enfermidades neoplásicas malignas, neurolóxicas e dexenerativas invalidantes, en doenzas graves con causa hereditaria, e naquelas chamadas ‘enfermidades raras’, que rexistran un índice de afección de cinco casos por cada dez mil habitantes, observou.
Como novidades principais que se inclúen no texto, salientou a redución dos prazos para a tramitación administrativa da solicitude de segunda opinión, que antes era de 30 días e agora pasará a ser de 10 días hábiles para achegar unha resposta. E, tamén, a ampliación dos procesos aos que será aplicable. Sobre este segundo aspecto, o responsable do Goberno galego resaltou que con esta iniciativa inclúese a totalidade da neoplasia maligna, fronte á situación anterior, onde se excluían os cancros de pel que non foran melanomas.
Así mesmo, precisou que o decreto establece expresamente a posibilidade de solicitar unha segunda opinión no caso de recidivas tumorais malignas, e no caso de que aparezan novos tratamentos de curación ou mellora da calidade de vida daquelas persoas que padezan unha enfermidade incluída nos supostos do decreto.
Un servizo de saúde con maiores prestacións
Feijóo referiuse a este texto como a proba do compromiso do Goberno galego para “seguir ampliando as prestacións” do sistema galego de saúde, incrementando os supostos nos que os pacientes teñen dereito a unha segunda opinión, e reducindo os prazos nos que se resolve.
Nesta liña, lembrou que para avanzar a prol dunha mellor atención sanitaria para todos os galegos, a Xunta está a levar a cabo medidas no ámbito dos medios materiais como, por exemplo, a aprobación dun investimento de 88 millóns de euros para a renovación da tecnoloxía do Sergas, “o maior plan renove de tecnoloxía dos últimos 25 anos”. Tamén, no eido das infraestruturas, “finalizando os hospitais novos, ampliando os actuais, e ampliando e finalizando os centros de saúde comprometidos”. E, no ámbito normativo, destacou as medidas encamiñadas a cumprir coa folla de ruta establecida coa aprobación da Lei de Garantía Sanitarias.
No tocante a isto, Feijóo resaltou a aprobación definitiva do decreto que regula o funcionamento do Rexistro galego de instrucións previas sobre os coidados e tratamento de saúde, ou o inicio da tramitación do decreto que regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas.