Está previsto que os traballos comecen a principios de novembro
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que o concello ampliará o carril para correr sobre os raís do tranvía desde os Surfistas ata a Torre de Hércules para mellorar a seguridade viaria. Deste xeito, dixo, estenderase o carril para corredores/as sobre esta estrutura férrea do Paseo Marítimo, co fin de “mellorar a seguridade viaria nunha zona perigosa e darlles resposta ás queixas da veciñanza”. Así a ampliación do carril que se prolongará agora desde As Escravas ata o faro romano, permitiralles ás persoas deportistas dispoñer de máis espazo para practicar exercicio e liberar así máis zona peonil no paseo.
Esta actuación responde ao elevado número de accidentes que tiveron lugar nestas vías nos último anos, unha situación que, segundo a alcaldesa, “temos a obriga de remediar”.
Desde a Concellería de Infraestruturas sinalan que está previsto que os traballos comecen a principios de novembro e estenderanse durante 20 días.
Neste senso, a alcaldesa lembrou a boa acollida do primeiro tramo do novo carril, entre Surfistas e Escravas, e apuntou a necesidade de concienciar as persoas que pasean por el do risco que supón pasear por esta vía exclusiva para corredoras e corredores.