Esta mesma semana comezou a intervención que comprende a segunda fase de actuación do Camiño Real e que empeza antes ca a primeira fase ao ser dependente exclusivamente do Concello da Pobra do Caramiñal a través do remanente de 2018, mentres que a outra se enmarca no Plan de Obras e Servizos (POS+2020) da Deputación da Coruña e sairá proximamente a licitación. Ata o lugar desprazáronse esta mesma mañá o alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos.
A edil expuxo que a dita actuación consiste na roza e na limpeza, no corte e fresadura do pavimento, firme de aglomerado en quente e implantación dun pequeno muro de contención de pedra granítica por cuestións de seguridade (de 82’72 metros cadrados e catro metros de altura no seu punto máis elevado). No total, esta fase engloba 4800’89 metros cadrados. A obra foi adxudicada á
empresa Nemesio Ordóñez S.A. e o importe ascende aos 69797’20 euros (cunha rebaixa de 37781’73 euros sobre o prezo de licitación), cun prazo de execución dun mes.
Pola súa parte, o rexedor engadiu que, ademais da reposición do pavimento, tamén se mellorará a recollida de pluviais e solicitarase a conexión ao saneamento daquelas vivendas dese tramo que aínda non o fixeron, o cal cualificou como "unha oportunidade importante porque lles sairá máis barato" ao non se ter que paga-la reposición do firme. En consecuencia, a empresa concesionaria do servizo percorrerá os domicilios do lugar para poñerse en contacto coa veciñanza. Tamén apuntou que se procederá á mellora do cruceiro das Maricas, para o cal se tentará soterra-los cables que o rodean, ademais de deixalo preparado para, máis adiante, efectuar unha zona de protección do
referido cruceiro.
Así mesmo, o mandatario local anunciou que haberá unha terceira fase, para completar así a reforma total do Camiño Real.