Friday 22 de November de 2024

O campo municipal de Sigüeiro acolleu un adestramento da Selección Galega de fútbol gaélico preparatorio do Mundial de Abu Dhabi


A Selección Galega de fútbol gaélico adestrou na noite de onte mércores no campo municipal de fútbol de Sigüeiro (Oroso). Un adestramento preparatorio do primeiro Mundial desta modalidade, que combina aspectos de fútbol cos do rugby, e que se celebrará do 5 ao 8 de marzo en Abu Dhabi.

O Concello de Oroso puxo a disposición da Asociación Galega de Fútbol Gaélico as instalacións municipais de Sigüeiro para realizar este adestramento, no que participaron un total de 30 xogadores que se dedicaron a preparar a que será a primeira participación oficial dunha selección galega nun Campionato do Mundo.

Na categoría masculina, Galicia quedará encadrada no grupo de Arxentina, África do sur e o Golfo Pérsico e, a falta de confirmación, tamén Italia, Francia e India. Na categoría feminina haberá un só grupo. A selección nacional de fútbol gaélico xa ten disputado encontros internacionais contra Bretaña ou Irlanda, berce deste deporte.