A alcaldesa e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presidiron a homenaxe ao redactor e locutor de radio no seu 90 aniversario
A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, rendéronlle este mediodía no salón de plenos unha homenaxe en nome da corporación ao xornalista Juan Guillín polo seu 90 aniversario, un acto organizado pola Asociación da Prensa da Coruña, representada pola súa presidenta, Doda Vázquez. Ante a presenza dos seus fillos Juan Domingo,
Analís e Berta, Guillín contou que el non merecía nada, que simplemente viviu coa premisa de non lle facer ao resto o que non quería que lle fixesen a el.
A rexedora sinalou que a súa cidade quere agradecerlle “a súa maneira de contar A Coruña, de sentila e compartila coas xeracións que non estabamos cando os acontecementos se gravaban en cable e non había máis celulares que a voz viva, o vis a vis coa xente que logo se convertería en fontes”, para ser xa desde hai anos “memoria viva” da Coruña.
Rey recordou o que moitas veces di Guillín, que asegura que pode estar xubilado da empresa en que traballou máis de 40 anos, Unión Fenosa, pero que nunca se xubilará do xornalismo “e iso é precisamente a esencia do traballo que elixiches por vocación”. Da súa etapa en Radio Juventud á redacción que xa nunca abandonaría de El Ideal Gallego, Rey falou desa curiosidade que ten dentro e que madurou “a golpe” de teclado e moitas horas dedicadas á profesión pero, sobre todo, que se fixo grande a base de “rúa, rúa e máis rúa, que é onde realmente se practica o mellor
xornalismo”.
Pola súa parte, a concelleira lembrou que Guillín, dous meses máis vello que Arsenio Iglesias, forxou con el unha amizade “eterna” para formar parte dese grupo
de comunicadores que nunca se xubilan cunha columna semanal no DxtCampeón.
Por último, o xornalista foi obsequiado con dúas figuras do Obelisco e da Torre de Hércules e mais cunha fotografía enmarcada do día en que se nomeou a Arsenio, fillo predilecto da Coruña.