O Centro Cultural Francisco Piñeiro de Moeche acolleu esta mañá un encontro urxente entre representantes municipais e de RENFE no que os concellos volveron esixir o restablecemento inmediato dos servizos ferroviarios no eixo Ferrol-Ribadeo, interrompidos na súa maioría trala declaración do primeiro estado de alarma sanitario. Unha esixencia que se acompañou, ademais, do recordatorio para que se cumpran os acordos alcanzados xa en 2018 sobre o mantemento da maquinaria e das infraestruturas. Desde a operadora do transporte achacan a redución de servizos a un descenso no número de viaxeiros provocado pola pandemia, asegurando que a súa intención é ilos reactivando na medida en que vaia aumentando a demanda. Os concellos non dán por boa a resposta de RENFE e aseguran que a demanda existe, pero que faltan os servizos para atendela e, en calquera caso, que a crise sanitaria “non xustifica que se suspendan os traxectos máis necesarios, como é o de primeira hora da mañá entre Ortigueira e Ferrol e o de volta da última hora da tarde”, tal e como sinalou a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy. Á xuntanza asistiron tamén os alcaldes de San Sadurniño, Burela, Cerdido e Ortigueira e, por parte de RENFE, o delegado insitucional para Galicia da empresa, Javier Pérez, o xerente de Servizo Público da zona de Asturias e Renfe Viajeros, Javier González, e o xerente do servizo en Galicia, Enrique Fonte. A empresa comprometeuse -aínda que sen dar datas- a reactivar a liña Ortigueira-Ferrol das 6.30h., a máis utilizada polo alumnado de institutos e traballadores, e tamén a de regreso a Ortigueira con saída desde Ferrol ás 20.00h.
Os concellos presentes no encontro desta mañá tamén anunciaron que promoverán “para xa” unha xuntanza á que asistan todos os representantes municipais das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña, a Plataforma en Defensa do tren Ferrol-Ribadeo, RENFE e máis ADIF “e tamén representantes políticos do Estado e da Xunta, xa que a supervivencia do noso tren depende dun impulso máis político que técnico”.
Neste sentido instarase á operadora e á encargada do mantemento da infraestrutura a que preparen un informe sobre todas as actuacións concretas que se desenvolveron e cales quedarían aínda por cumprir daquel acordo alcanzado hai dous anos para a mellora do servizo. “Os concellos estamos cansos de xuntanzas sen resultados concretos. RENFE e ADIF adquiriron o compromiso de incrementar frecuencias e mellorar tanto as vías como a maquinaria. Ese compromiso non se chegou a cumprir de todo, logo veu a crise sanitaria e interrompéronse servizos que aínda hoxe están pendentes de recuperarse a pesar de ser fundamentais para a mobilidade desta zona. Entendemos que coa COVID-19 se modificasen frecuencias, pero iso non xustifica que se suspendan os traxectos máis necesarios”, explica Beatriz Bascoy aludindo, principalmente, ao itinerario Ortigueira-Ferrol de primeira hora da mañá e o tren de regreso do serán.
Neste momento, dos sete servizos de tren diarios que pasan por Moeche só se manteñen catro, “cando os hai, porque as incidencias coas máquinas e as vías seguen producíndose a cada pouco”.
RENFE explica que a redución nas frecuencias obedece á actual situación sanitaria, que repercutiu nunha considerable baixada no número de viaxeiros. A operadora cuantifica ese descenso nun 75% con respecto a antes da pandemia. A empresa pública sinalou a este respecto que ten intención de ir restablecendo liñas tan pronto como se vaia detectando un incremento da demanda, empezando polo enlace da mañá Ortigueira-Ferrol e o da tarde Ferrol-Ortigueira. Porén, a ecuación menos viaxeiros-menos servizos non convence aos concellos, que lle dán a volta aos termos desa conta insistindo en que máis servizos e prestados con calidade significarían un incremento no número de persoas usuarias.
“Na xuntanza de hoxe transmitímoslles aos representantes de RENFE que os concellos percibimos a situación xeral propiciada pola COVID-19 como unha escusa máis para deixar esmorecer o noso tren. Desde a operadora asegúrannos que esa non é a súa intención, pero os feitos falan por si mesmos: sen servizos, con máquinas que avarían a cada pouco, sen revisores… imos fartos de xuntanzas estériles e queremos solucións”, explica Beatriz Bascoy.
Na mesma liña tamén se manifestaron outros asistentes ao encontro, como alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano: “É un servizo público e temos a sensación de que se está deixando ir. Fai falla unha solución que nos dea confianza en que se vai manter un servizo de futuro”. Pola súa banda, o alcalde de Cerdido, Benigno Galego, incidiu na “sensación de abandono” e no feito de que “se aproveitase a pandemia para reducir servizos”.
Máis contundente foi Secundino García, alcalde de San Sadurniño, quen puxo o acento en que o tren “vén morrendo a prazos desde hai anos” e en que, ao seu xuízo, debería sopesarse o traspaso de competencias á Xunta de Galicia para poñer en marcha liñas de cercanías de titulariedade autonómica a imaxe e semellanza das que xa funcionan, por exemplo, no País Vasco “que levan xente e saen ás horas”. Para García o transporte ferroviario de calidade é, ademais, un factor que contribuiría a fixar poboación: “o tren pode non ser rendible, pero a xente quere vivir aquí, un cativo de Moeche ou Cerdido ten dereito a ir no tren ao instituto”.
Ao remate do encontro, que durou algo máis de hora e media, os concellos e RENFE quedaron emprazados para unha próxima xuntanza “o antes posible” na que participen todos os municipios do eixo Ferrol-Ribadeo, a plataforma social en defensa do tren, ADIF, a Xunta e o Estado. Entre esta semana e a que vén marcarase a data e tamén o lugar de celebración, coas miras postas en “obter unha solución clara e definitiva que asegure o futuro do noso tren”, dixo Beatriz Bascoy.