Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Padrón presenta un libro sobre o confinamento da cidadanía co obxectivo de recoñecer o esforzo


A publicación será unha homenaxe aos padroneses e padronesas que coa súa responsabilidade contribuíron a reducir os índices de contaxios durante os primeiros meses da pandemia

O Concello de Padrón pon en valor a todas as persoas que durante o estado de alarma estiveron confinadas nos seus fogares para frear a curva de contaxios da pandemia da Covid-19. Para facelo, dende a concellaría de Turismo veñen de editar un libro no que recompilan as imaxes que os padroneses e padronesas publicaron no marco da campaña #PadrónNaCasa, desenvolta a través das redes sociais. As fotografías son parte da testemuña do día a día da poboación durante este período, ao igual que reflexan as lecturas escollidas como medio de entretemento neste tempo. As imaxes son tamén unha ollada á Padrón dende os fogares dos seus cidadáns. O obxectivo desta campaña desenvolta polo equipo de Turismo era, en primeiro lugar, manter unida á poboación e, do mesmo xeito, dinamizar as redes sociais.
Así, as vistas dende as fiestras da veciñanza de Padrón mostran, deste xeito, a beleza das rúas e paisaxes desta vila galega ao mesmo tempo que recoñecen o esforzo realizado pola poboación. “O noso obxectivo é que os momentos máis duros da pandemia perduren na nosa memoria colectiva. Parécenos que ademáis é necesario recoñecer a conciencia social de cada un dos cidadáns, que dalgún xeito se converteron en héroes grazas a súa responsabilidade”, explicou Lorena Couso, concelleira de Turismo de Padrón. A previsión é que o libro este dispoñible para recoller na Oficina de Turismo nos vindeiros meses. O Concello informará dende as distintas canles de comunicación no momento exacto no que dispoñan dos exemplares.
A edición e publicación deste libro realizase baixo o paraugas do Plan de Reactivación do sector comercial e do turismo de Padrón. Un proxecto deseñado pola concellaría de Turismo en base aos obxectivos de apoiar ao sector comercial e turístico, crear un ecosistema de axentes económicos do territorio, impulsar medidas para os procedementos hixiénicos-sanitarios, potenciar o tecido
empresarial da localidade, mellorar a confianza do consumidor, promover novos produtos turísticos e promocionar o turismo de proximidade.