A Consellería de Sanidade mercou inicialmente un total de 617.500 doses, e o resto das doses, ata completar o total de 865.830, son subministradas polo Ministerio de Sanidade (248.330). O total de doses deste ano supón 200.830 máis que no ano anterior
O delegado territorial da Coruña na Xunta, Gonzalo Trenor, presentou esta mañá a campaña de vacinación da gripe 2020 na provincia da Coruña, acudindo ao punto de vacinación da delegación territorial da Coruña en Monelos. Gonzalo Trenor destacou que “a administración galega ten previsto adquirir inicialmente un total de 617.500 doses, e o resto das doses, ata completar o total de 865.830, son subministradas polo Ministerio de Sanidade (248.330). O total de doses deste ano supón 200.830 máis que no ano anterior.
Neste senso, informou que este ano a campaña arrancou o pasado martes día 13 de outubro e rematará o 31 de decembro, por tanto, durará 12 semanas de xeito continuado.
O representante do goberno autonómico recalcou que “a gripe é unha enfermidade transmisible e previble, que pode evolucionar desde leve a grave e ser incluso mortal, sobre todo en persoas de risco”.
Por iso a Consellería de Sanidade realiza cada outono desde 1991, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Servizo Galego de Saúde, a campaña de vacinación antigripal.
A vacina da gripe reformúlase cada ano debido á variación constante dos virus gripais, co obxectivo de que concorden os virus incluídos na vacina cos circulantes. Neste senso, o delegado territorial lembrou a importancia de vacinarse este ano fronte á gripe, xa que, no contexto da pandemia pola covid, poden coincidir ambas infeccións, de aí o trascendental da vacinación antigripal das persoas en risco e a redución da carga desta enfermidade
Poboación diana
A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención e crónicos).
Tamén son poboación diana da campaña as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe, presentado esta campaña como novidade as mulleres durante o puerperio (ata 6 meses tras o parto), sempre que non se vacinarán no embarazo.
Son igualmente poboación diana as persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións. Trátase de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, públicos e privados, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos crónicos, estudantes en prácticas en centros sanitarios, asistentes domiciliarios de pacientes de alto risco ou persoas maiores, así como convivintes de persoas de grupos de risco.
Outras persoas nas que se recomenda a vacinación son as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres.
Remarcar que, por primeira vez, Galicia empregará nesta campaña unha vacina tetravalente de alta carga para as persoas máis vulnerables, aquelas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias.
Sinalar, así mesmo, que entre a loxística da campaña está o feito de que a partir da terceira semana da campaña realizarase unha chamada por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación de 65 a 74 anos. Ademais, enviaranse sms masivos de recordo de vacinación á poboación entre 65 e 74 anos, estableceranse axendas de citación especial para vacinación e vacinaranse aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio. Por último, o Sergas lembra a importancia, este ano máis que nunca, de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado.