Friday 22 de November de 2024

O concello finaliza os traballos de impermeabilización da Escola Infantil Municipal Carricanta


As obras forman parte do programa de mantemento das escolas municipais que se leva a cabo para garantir que as clases se desenvolvan en óptimas condicións

O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, visitou esta mañá a Escola Infantil Municipal Carricanta, no Castrillón, para supervisar o fin dos traballos de impermeabilización das terrazas e patios que o concello realizou no centro. Segundo o concelleiro, as obras forman parte do programa de mantemento das escolas municipais que o concello leva a cabo para garantir que as clases se desenvolvan en óptimas condicións na aposta do Goberno de Inés Rey pola educación e a mellora permanente das instalacións municipais.
Os traballos, que contaron cun orzamento de 30.099 euros, serviron para emendar os danos ocasionados por filtración de auga nos chans das aulas 1 a 5, provocados pola falta de impermeabilización das terrazas exteriores, no vestíbulo e o patio exterior, onde se retiraron as xardineiras e se substituíu o pavimento.
Co fin de evitar a continua deterioración do pavimento interior das aulas 1 a 5 do centro, impermeabilizáronse os forxados que forman as terrazas e patios exteriores, polos cales se filtraba a humidade cara ao interior das estancias do edificio. O resto de actuacións, substitución do pavimento do vestíbulo e do patio exterior, forman parte dos traballos de mantemento e adecuación do centro. Tamén se cambiaron as escaleiras de madeira que dan acceso á terraza exterior da aula 4. Para realizar as obras de impermeabilización nas terrazas retiráronse as varandas de madeira e as lousas de caucho.