O Concello de Frades vén de rematar o arranxo de tres pequenas pontes no municipio que resultaron danadas durante os temporais do pasado inverno. As tres pontes arranxadas están situadas nas pistas Quintá-Papucín, San Mauro-Frades e Carballal- Papucín. O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “tratouse de pequenos arranxos nas cabezas dos tubos e algúns recheos para paliar o que levou a riada daqueles días”.
Os traballos foron acometidos con fondos propios a través dun contrato menor e nos que se investiron 27.749 euros. Un investimento que tamén permitiu a colocación de tubos para a recollida de augas pluviais na Gándara, parroquia de Abellá, e a execución dunhas cunetas en formigón en Tarrentos, parroquia de Añá.