A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), achegou solicitude para instalar unha das súas unidades móbiles na praza do antigo Concello este venres entre as 16 e as 21.00h. e o sábado desde as 10.00 até as 15.00h. A sanidade galega segue precisando das doazóns sanguíneas para soster as transfusións que se fan a diario, tamén nestes tempos de pandemia. Por iso se volve apelar á solidariedade da veciñanza facendo un pequeno xesto rápido e indoloro que axuda a salvar moitas vidas. Desde a ADOS informan, ademais, de que as doazóns son totalmente seguras, posto que se utiliza material dun só uso e adóptanse medidas hixiénicas e preventivas para evitar contaxios da COVID-19.
Desde a axencia recórdase que as unidades móbiles son espazos seguros. Neles cúmprense todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria, fáiselle unha revisión previa a todas as persoas doadoras, emprégase material esterilizado dun só uso e o persoal que atende as extraccións vai debidamente equipado para protexerse e protexer.
Ademais tamén se lle pide ás persoas que acudan doar que, previamente, adopten todas as prevencións xerais: lavar as mans con frecuencia, usar a mascarilla, gardar a distancia de alomenos metro e medio con respecto a outras persoas mentres se agarda a vez para subir ao autobús, e, moi importante, non se debe ir doar se se tivo algún síntoma -tose, febre, dificultade para respirar- ou se se tivo contacto con persoas diagnosticadas de COVID-19.
A unidade móbil do centro de transfusións permanecerá na praza do antigo Concello o venres pola tarde e o sábado pola mañá. Non é obrigatorio pero si recomendable chamar ao 900 100 828 para pedir cita previa. Nese teléfono tamén nos facilitarán información sobre o procedemento da doazón e solventarannos calquera dúbida que poidamos ter ao respecto.
Poden doar sangue as persoas sás cun peso superior aos 50 quilos e maiores de idade. Débese agardar alomenos 2 horas despois de xantar. Se se vai pola mañá cómpre almorzar antes. Tamén hai que levar tarxeta de doazón -se se ten-, o DNI ou calquera documento acreditativo da identidade e informar ao persoal da unidade móbil sobre calquera medicamento que se estea tomando.
En contra do que moita xente pensa, o sangue non só se utiliza para facer transfusións en operacións, senón que dela se extraen varios compoñentes fundamentais para o sostemento do sistema público de saúde… para salvar vidas, vaia:
Glóbulos vermellos para intervencións cirúrxicas, hemorraxias por accidentes e trasplante de órganos
Plaquetas -que só duran 7 días- para axudarlles a pacentes con cancro ou leucemia e para trasplantes de médula ósea
Plasma para o tratamento de grandes queimaduras, trasplantes de fígado e doentes que perderon moito sangue.
Nestes momentos as reservas de sangue encóntranse nun nivel bo nos grupos AB-, AB+ e B-. Están en niveis normais o B+, o 0- e o A- e, segundo o semáforo da ADOS, hai reservas baixas de A+ e de 0+, polo que é moi recomendable que vaian doar persoas destes dous últimos grupos… e dos outros tamén.