Na actualidade, esta praza presenta pavimentos deteriorados por mor do paso do tempo, e inadecuados nalgúns casos desde o punto de vista da accesibilidade, así como instalacións que non funcionan de maneira óptima.
A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade realizará obras para reurbanizar e reacondicionar o espazo público da praza Pintor Manuel Colmeiro, no barrio de Elviña. Na actualidade, esta praza presenta pavimentos deteriorados por mor do paso do tempo, e inadecuados nalgúns casos desde o punto de vista da accesibilidade, así como instalacións que non funcionan de maneira óptima.
Segundo a alcaldesa, este tipo de actuacións amosan “o compromiso deste goberno con todos os barrios da cidade” e, lembra, “recentemente se renovou a praza Isaac Díaz Pardo e e contorna da avenida Pablo Picasso, concretamente nas rúas Casares Quiroga e María Casares”.
Desde a concellería sinalan que se executarán melloras nas seccións do firme, nas beirarrúas, zonas reservadas e nos aparcadoiros. Ademais, modificarase a pendente da calzada, mellorarase a rede de pluviais e a iluminación existente, e completarase a reurbanización coa instalación de sinalización e elementos de xardinería baixo mantemento.
As obras, que teñen un orzamento de 164.000 euros, darán comezo a finais deste mes.