Saturday 16 de November de 2024

O ciclo “Ler conta moito” finaliza o vindeiro xoves cunha actuación de Ghazafellos


Xa se poden reservar entradas para asistir o vindeiro xoves, 15 de outubro, á derradeira función do ciclo “Ler conta moito” que organiza a biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura da Xunta de Galicia.

Nesta terceira e última sesión, a compañía Ghazafellos presentará a partir das 18 horas o espectáculo “A máquina do tempo”, dirixido a nenos/as de 5 a 11 anos. A entrada será gratuíta pero con aforo limitado a 20 persoas (10 nenos/as e 10 adultos/as). Para asistir cómpre chamar por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16 a 21 horas, ou os sábados, de 10 a 13 horas (teléfonos de contacto: 981342302 / 607625346).

En “A máquina do tempo”, “a doutora Mon e o seu axudante Pe, logran construir unha máquina do tempo coa que nos amosarán a verdadeira historia das civilizacións mandando a Pe e a algún voluntario ou voluntaria a distintas épocas da nosa historia”.

Todas as funcións deste programa desenvólvense baixo a premisa da #culturasegura, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade. Neste senso, dende a organización recomendan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con tempo suficiente de antelación xa que a reserva de entradas perde vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo
dos mesmos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible.

En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos. Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.