A inscrición estará aberta durante todo o curso
A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame convoca por 18 ano consecutivo o Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores de 60 anos a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que o obxectivo desta iniciativa é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores exercitando a súa memoria para así previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo, ao tempo que se promove a xuntanza dunhas persoas para recordar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas, iso si, aplicando sempre as medidas establecidas polas autoridades sanitarias ante a Covid-19”.
O Programa “Activa-Mente” está aberto a todos os veciños e veciñas de Lousame maiores de 60 anos. As actividades levaranse a cabo todas as semanas nos locais sociais das parroquias e serán impartidas por persoal dos Servizos Sociais do Concello de Lousame. A inscrición é totalmente de balde e pode facerse nos Servizos Sociais de Lousame, chamando ao 981 820 494 ou por WhatsApp no 689 126 385.
As actividades poranse en marcha tan pronto se conforme un grupo, de entre 5 e 15 persoas. Ademais, a inscrición estará aberta durante todo o curso, polo que calquera persoa maior que desexe sumarse ás clases pode facelo en calquera momento.
Unhas clases dunha hora de duración nas que se levarán a cabo actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, as funcións executivas, o cálculo ou a linguaxe. Unhas áreas que se traballan mediante dinámicas e exercicios adaptados tanto ao nivel do grupo como ao de cada persoa participante, e que este ano tamén teñen que seguir os protocolos sanitarios fronte a Covid-19.
Como nos últimos anos, as clases impartiranse todos os martes nos locais sociais do Sanguiñal (10:00 horas), Aldeagrande (11:30 horas), Vilacoba/Lesende (16:00 horas) e Escabia (17:45 horas); así como os mércores en Cruído (10:00 horas). O Programa “Activa- Mente” está organizado polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.