O grupo local de rock Chupadeskay ofrecerá mañá sábado 10 de outubro, ás 20:00 horas, un concerto na Carballeira de Santa Minia. Unha actuación incluída no programa Brión coa Cultura, un plan de apoio ao sector cultural deseñado polo Concello de Brión, e que tivo que ser adiada o pasado mes de setembro.
A entrada será libre e de balde ata cubrir o aforo. Todas as persoas que asistan deberán utilizar máscaras, respectar a distancia de seguridade e utilizar os dispensadores de hidroxel dispostos na zona. Unha actuación organizada polo Concello de Brión, en colaboración con Gadis, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia.
Chupadeskay é un grupo de rock que vén de presentar o seu primeiro disco, gravado entre Londres, Amsterdam e Galicia e masterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudos. Un grupo con orixe en Brión que foi fundado por Pablo Barge, compositor dos temas do disco de presentación. Conta coa participación de músicos freelance como Diego Pérez, baxista e profesor da ESMU Magariños; o batería e director da escola de música Musicartis, Sergio González; e a teclista e profesora de música Paula Barge.