A concelleira de Deportes deulles persoalmente a noraboa ás xogadoras SUB-14 tras gañaren o campionato de España coa selección galega o pasado mes de marzo
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, recibiu no concello as xogadoras coruñesas de hóckey herba SUB-14, que gañaron coa selección galega o campionato de España no pasado mes de marzo. A edila deulles a noraboa tanto ás deportistas Marta, Inés, Docha, Lola, Noa, Alba e Ainara como ao persoal técnico do Centro de Tecnificación de Galicia na Coruña: Álvaro Rodríguez, Estíbaliz Arrugaeta e Ángel Iglesias. Martínez estivo acompañada da delegada da Coruña da Federación Galega de Hóckey, Yolanda Casanova, e do responsable da Promoción da Federación Galega Hóckey, Roberto Baratta.
Martínez destacou a importancia de visibilizar o deporte feminino. “As mulleres mesmo conquistaron deportes, que antigamente estaban asociados por estereotipos á masculinidade como a halterofilia, ou o rugby. A nosa cidade hoxe ten nestes deportes algúns dos mellores referentes de Europa. No futuro virán a María Pita moitas máis mulleres, pero hoxe queremos render homenaxe ás nosas campioas de Hóckey Herba que co seu esforzo déronnos unha enorme alegría”.
A concelleira recordou que o deporte feminino coruñés sempre destacou ofrecendo os mesmos éxitos que o masculino, pero na sombra: “Afortunadamente asistimos a un cambio. Vemos como se enchen os estadios e como as seleccións femininas non só gañan, senón que levantan paixóns entre as afeccións”.
María Dolores (Docha) Feijoo Ferreiro, capitana do equipo, agradeceu a recepción en María Pita e lembrou o traballo levado a cabo por todas as súas compañeiras para acadar o ouro. “Vamos a seguir esforzándonos y mejorando porque el Hockey femenino sea un referente en nuestra ciudad”.
Pola súa banda, Roberto Baratta, responsable da Promoción da Federación Galega Hóckey e director do Centro de Tecnificación de Galicia (CeTeGa), asegourou que a Federación seguirá a traballar para que estas xogadoras poidan seguir gozando do seu deporte.