A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, sinala que para redactar este novo contrato “realizouse unha reconsideración integral dos servizos municipais de información xuvenil actuais, co fin de os descentralizar e de os axeitar á realidade das mozas e dos mozos e ás novas TIC”
A Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá no pazo municipal engadiu á orde do día a adxudicación do contrato de xestión da Rede Municipal de Información, Orientación, Dinamización e Asesoramento á Xuventude (RMIX), do Servizo de Participación Cidadá e Innovación.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, sinala que para elaborar este novo contrato “realizouse unha reconsideración integral dos servizos municipais de información xuvenil actuais, co fin de os descentralizar e de os axeitar á realidade das mozas e dos mozos e ás novas TIC”. Ademais, explicou, “ampliarase o equipo de traballo con dúas persoas máis”.
Os factores clave desta reformulación do servizo son, en primeiro lugar, o gran salto cualitativo nos métodos de difusión da información, xa que se abandonan mecanismos antigos e adáptanse ás novas tecnoloxías da información e da comunicación. En segundo lugar, amplíase o alcance da atención prestada, desde o concepto tradicional de busca e posta a disposición da información de forma reactiva, xa que era a moza ou o mozo quen presentaba a solicitude, até o novo concepto de dinamización da información de forma participada, co que se lle achegará a información á xuventude aos seus lugares de referencia. Por último, nesta reformulación do servizo descentralizáronse puntos de atención, ao pasar dun único punto centralizado a un sistema en rede, que inicialmente estará integrado por tres puntos de atención localizados en tres puntos da cidade.
A adxudicataria deste contrato, por valor de 329.725 euros e unha duración inicial de 24 meses, é a empresa Atlantic Ponte SLU, que deberá comezar a prestar servizo o 1 de novembro de 2020.