Facilitar o desprazamento diario, de luns a venres, no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado universitario fenés que estea matriculado en calquera dos campus da cidade de A Coruña durante este curso 2020-2021 é o obxectivo do programa Bonobús Universitario que convoca un ano máis a Concellería de Cultura do Concello de Fene. Trala publicación das bases da convocatoria no BOP núm. 168 do xoves 8 de outubro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o venres 9 ao luns 19 de outubro, ámbolos dous incluídos.
As solicitudes -dispoñibles na web municipal www.fene.gal- presentaranse, xunto coa documentación requirida nas bases, no Rexistro Xeral do Concello por vía telemática ou por vía presencial en días laborables, de luns a venres, en horario de 08.30 a 14.00 horas (neste caso, deberán pedir cita previa no teléfono 981 061 034). Para información sobre dúbidas relacionadas co programa pódese chamar ao teléfono 607 615 673.
A Convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios/as do Concello de Fene vai dirixida ao estudantado que estea empadronado/a e teña residencia efectiva no Concello de Fene como mínimo dende o 1 de xuño de 2020 e que curse estudios universitarios para os que sexa preciso desprazarse até a cidade da Coruña. Tamén son requisitos “non superar os máximos de base liquidable xeral sometida a gravame por unidade familiar (base 7a) e non ter pendente de xustificación por parte do solicitante ningunha subvención concedida polo Concello de Fene (sempre que finalizara o prazo de xustificación).
Neste curso, o Concello de Fene destina un total de 7.500 € para financiar o programa. As subvencións concedidas variarán en función do número de beneficiarios/as finais do acordo, oscilando entre o 100% do custo do bono bus para un máximo de 12 beneficiarios/as e un 30 % do custo no suposto de que haxa entre 31 e 40 beneficiarios/as.