Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño adxudica en 45.828,40€ a obra de aglomerado entre Quintiá e o límite coa Capela


A Administración local prevé adxudicar tamén nestes días o tramo o Eirexado-Lourido, pertencente ao mesmo eixo viario da parroquia de Naraío, mentres agarda polo financiamento provincial para licitar o proxecto entre Lourido e Quintiá

 

A construtora José No Mantiñán e Hijos S.A. encargarase do proxecto de pavimentación da pista que une o núcleo de Quintiá, en Naraío, co límite do concello da Capela situado a escasos metros do cruzamento da Grúa. A obra, que arrancará previsiblemente a semana que vén, é a primeira das intervencións coas que se conta reparar todo o eixo viario que enlaza ese punto final co lugar do Eirexado, no fondo da parroquia. De feito, nestes momentos está en fase de avaliación o tramo Eirexado-Lourido e o Concello agarda obter financiamento provincial para acometer o proxecto intermedio, que unirá Lourido con Quintiá. Para darlle continuidade a todo o trazado, así como maior durabilidade, optouse por utilizar firme aglomerado.

O Concello recibiu tres ofertas para este primeiro proceso de licitación pública. A mesa de contratación seleccionou a presentada por José No Mantiñan e Hijos Construcciones S.A. en aplicación dos requisitos e criterios establecidos nos pregos técnicos e administrativos. A construtora ofreceu un prezo de 45.828,40€ ive incluído e un período máximo de execución de 45 días, aínda que, de cumprirse as previsións, o traballo podería quedar listo na metade dese tempo.

A obra arrancará no lugar de Quintiá -xusto no desvío que vai para Formariz- e chegará até a boqueira da pista do Lugar do Monte, límite administrativo co Concello da Capela. Son 1.230 metros de distancia onde se acometerán labores previos de preparación tapando baches e limpando cunetas para, posteriormente, cubrir a actual capa de asfalto con outra nova de aglomerado de sete centímetros de grosor e un largo medio de 4 metros.

A reparación non se limitará só a botar un novo firme por riba do antigo, senón que este se irá deixando de maneira que se manteña unha diferenza de pendente entre o centro e as beiras de aproximadamente un 2%, co obxectivo de garantir unha correcta drenaxe da calzada que ofreza maiores garantías de conservación de cara ao futuro. Outro aspecto que se busca mellorar é a seguridade, xa que a capa de rodadura aglomerada é máis adherente e asegura un trazado libre de irregularidades.

A este proxecto dedicarase integramente a achega anual do Plan Marco de mellora de camiños municipais 2020-21 convocado pola AGADER e cofinanciado pola Xunta, o Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER.

Por outra banda, con cargo ao POS+ Adicional 2020 da Deputación da Coruña tamén se executará o tramo Eirexado-Lourido, de algo máis de 1,5 quilómetros. O proxecto encóntrase na fase de avaliación das propostas recibidas e agárdase que nestes días se poida facer a adxudicación provisional dunha obra cuantificada nos pregos en 57.666,53 euros, ive incluído. Os traballos de reparación empezarán no cruzamento da igrexa parroquial; continuarán logo por Correlo, o Cerdeirido e a Cernada e subirán até o cruzamento de Lourido polo coñecido como “camiño novo”. Igual que no proxecto que comezará nuns días, neste farase unha limpeza en profundidade das gabias e tamén da actual superficie asfaltada, que será a base sobre a que se botará a nova capa de aglomerado.

Deste xeito, o Concello deixará reparados á volta dunhas semanas case dous terzos do trazado de 4,3 quilómetros entre o Eirexado e o límite coa Capela. O terzo que faltaría, situado no medio dos dous que se van executar en breve, ten xa o proxecto redactado e agarda a que a Deputación provincial libere novos fondos para poder ser licitado.