Na Xunta de Goberno local que terá lugar mañá tamén se lle dará luz verde ao convenio de colaboración co Club Basquet Coruña, cunha subvención nominativa de 90.000 euros, para o fomento das actividades deportivas de baloncesto
A Xunta de Goberno Local de mañá adxudicará a Cespa o lote 2 –correspondente á recollida e transporte de residuos urbanos– do servizo de conterización, recollida e transporte de residuos urbanos da Coruña, por valor de 11.594.877 euros anuais e cunha duración de contrato de 8 anos improrrogables. A adxudicataria asumirá como melloras no contrato o desenvolvemento dunha mellor recollida de residuos procedentes da poda e tamén a optimización do servizo de compostaxe individual e comunitario, así como a posta en marcha dun proxecto piloto para a implantación dun modelo de recollida selectiva de materia orgánica de acceso voluntario e restrinxido. Ademais, aprobarase a cesión a Cespa, de dous vehículos para reforzar o servizo de recollida de residuos urbanos municipais, cun canon de 1.620 euros por un ano.
O Executivo local adxudicará o proxecto de rehabilitación integral do Mercado municipal de Durmideiras, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a ABECONSA SLU, por valor de 1.507.240,72 €, e cun prazo de execución de 28 semanas. A renovación completa das instalacións estará finalizada, polo tanto, no primeiro semestre do ano próximo.
Por outra banda, o Goberno local autorizará o convenio de colaboración co Club Basquet Coruña SAD, unha das insignias deportivas da cidade, para o fomento das actividades deportivas de baloncesto até o 31 de decembro deste ano, así como a subvención nominativa por importe de 90.000 euros. O Executivo municipal tamén aprobará mañá a subscrición do convenio regulador da subvención nominativa concedida á Asociación Renacer da Coruña, co obxectivo de financiar a realización dun programa de atención a persoas maiores en situación de soidade, e por un importe de 75.000 euros.
Ademais, autorizarase a subscrición do convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña, cunha achega municipal de 120.000 euros, para a realización de investimentos de mellora e reposición de infraestruturas viarias no campus universitario da cidade.
Por outra banda, o Goberno local outorgará a Repsol Petróleo SA a licenza para modificar as instalacións da refinería que radican no número 42 da estrada de Nostián, para executar o proxecto G50 para descarga de crú no porto de Punta Langosteira, cun orzamento de 3.071.000 euros. O prazo para iniciar estas obras deberá ser de 6 meses, e 18 meses para a súa execución.
A xunta de mañá tamén adxudicará o lote 1, iluminación ornamental do Nadal, a Iluminaciones Ximenez SA, por un importe de 1.408.995 euros, 469.665 € por ano, fronte aos 335.000 euros de inversión en 2019. O prazo de duración deste servizo será de tres anos, coa posibilidade de prorrogarse por períodos máximos dun ato até dous anos máis. O lote 2, iluminación ornamental do Entroido, declararase deserto do procedemento aberto para a contratación deste servizo, ao non haber ningún licitador presentado.
O Goberno local dará luz verde á aprobación inicial do estudo de detalle de reaxuste de aliñacións e ordenación de volumes nas parcelas localizadas no cruzamento das rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás, para poder dar licenza ao edificio municipal que o Concello quere destiñar a vivendas sociais. Tamén se porá en coñecemento a desestimación da solicitude da prórroga para a implantación dun uso provisional de aparcadoiro público na avenida da Pasaxe número 40, fronte ao Hospital Teresa Herrera.
Canto a novas licenzas urbanísticas, o Goberno local autorizará as obras para construír un edificio de 111 vivendas, trasteiros e garaxes na parcela 2 do quinteiro norte do Plan Parcial do Sector 6, no Parque de Eirís, na rúa Dabán. Terá un orzamento de execución de 9.310.000 euros.
Por último, a Xunta de Goberno Local aprobará o proxecto de modificación de crédito do orzamento do IMCE de 2020, consistente nun suplemento de crédito de 45.000 euros, e que se levará ao Pleno municipal.