Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón inicia as obras de renovación de beirarrúas interiores no polígono de Sergude


A actuación supón un investimento de preto de 100.000 euros

O Concello de Boqueixón vén de iniciar as obras de renovación das beirarrúas interiores no polígono de Sergude. Esta actuación conta cun investimento de preto de 100.000 euros. Desta cantidade, o 80% está aportado pola Consellería de Innovación e Industria e 20% restante, pola administración local. Prevese que os traballos finalicen nas vindeiras semanas.
O proxecto, que está a executar a empresa Construcciones Boqueixón, comprende a habilitación de novas beirarrúas interiores nunha superficie total de máis de 3.100 metros cadrados. Para isto, estase a levar a cabo a demolición das existentes e que se atopaban en mal estado de conservación.
As renovadas beirarrúas estarán construídas en formigón con mallazo sobre unha capa de 5 centímetros de zahorra para a súa regularización. Ademais, habilitaranse os correspondentes vados peonís executados con pavimento diferenciado de baldosa hidráulica.
Como complemento, o proxecto inclúe a instalación de 3 illas para recollida selectiva. Cada unha delas estará composta por 4 colectores coas súas correspondentes estruturas de peche.