Friday 22 de November de 2024

Rey: “A RAG é unha institución imprescindible na celebración do centenario de Pardo Bazán”


A alcaldesa e o presidente da academia, Víctor Fernández Freixanes, abordaron a organización da efeméride para que “A Coruña sexa a capital desa parte da literatura universal que representa dona Emilia”, sinalou o presidente da RAG

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá co presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, para abordaren, entre outras cuestións, a celebración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán, que, segundo a rexedora, se anunciará cando estea pechada a programación e coa que “esperamos que non só a desfrute a veciñanza da Coruña, senón que veña xente de fóra coñecela”.

Rey apuntou que o encontro forma parte da relación cordial e de colaboración que o concello mantén coa RAG, que “é unha institución imprescindible para a efeméride que terá lugar en 2021”. A alcaldesa asegurou que o concello traballará para que a cidade estea á altura da intelectual nun ano en que agardan poder levar a cabo todo o que se está organizando para pór en valor a figura e mais a obra da coruñesa, pioneira do feminismo. Deste xeito, Rey recordou que haberá múltiples formas de se achegar a unha autora tan prolífica que se adiantou aos tempos con consignas que hoxe seguen tendo vixencia na loita polos nosos principios.

Pola súa parte, Freixanes indicou que a academia se sente historicamente vencellada e apoiada polo concello e que o 2021 ten que promover toda a significación do personaxe e da cidade. O responsable da institución lembrou que na primeira planta da sede da RAG descansa o arquivo histórico máis importante de Pardo Bazán, “consultado por investigadoras/es de todo o mundo” e engadiu que, para a entidade, Pardo Bazán non só é unha figura importante na historia da cultura de Galicia, senón na historia da propia RAG, xa que en 1905 foi a primeira presidenta de honra.

Ademais, sinalou que tanto Marilar Aleixandre como Isabel Boullón están traballando na exposición que se inaugurará na Biblioteca Nacional de Madrid e que virá seguidamente ao Quiosco Afonso, 350 metros cadrados de mostra en que unha parte importante pertence a fondos cedidos pola RAG. Do mesmo xeito, estase organizando un congreso e a edición de varias publicacións para que “a cidade sexa
a capital desa parte da literatura universal que representa dona Emilia”.