Saturday 23 de November de 2024

O Concello abre o prazo para inscribirse nos concursos de comparsas e carrozas do Carnaval 2015


As inscricións poden realizarse no IMCE antes das 14.00 horas do 30 de xaneiro

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que arranca o Carnaval 2015, unha das citas máis destacadas do calendario festivo coruñés, coa apertura do prazo de inscrición para os concursos de comparsas nas súas dúas modalidades -letra e música; e vestiario e coreografía- e o de carrozas, cuxas bases xa poden consultarse na páxina web da Concellaría de Cultura (www.coruna.es/cultura).
As inscricións poden realizarse no IMCE (Casa Paredes, avenida deLa Marina, número 18) ou enviando a ficha correspondente a imce@coruna.es, antes das 14.00 horas do venres 30 de xaneiro. A contía dos premios oscila entre os 150 e os 3.500 euros.

CONCURSO DE COMPARSAS. Modalidade letra e música
Este concurso, incluído dentro da gala inaugural das Festas do Carnaval 2015, celebrarase o 8 de febreiro, ás 18.00 horas, no Pazo da Ópera. Para participar haberá que entregar coa inscrición un texto escrito e o arquivo sonoro dos dous temas a interpretar no concurso. A participación de cada grupo consistirá en interpretar dúas cancións co oportuno acompañamento musical durante un tempo máximo de intervención de 4 minutos por canción.
No caso de que se reciban máis de 6 inscricións, realizarase unha selección previa por parte de técnicos do IMCE. O xurado deliberará e emitirá o seu fallo ao finalizar as actuacións no Pazo da Ópera, para o que terá en conta a simpatía e agudeza das letras, a natureza da composición musical (orixinal ou non), a correcta execución da interpretación musical e a afinación e o acoplamento do conxunto coral.
Establécense tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, ademais de accésits de 150 euros. Para poder acceder a calquera dos premios é necesario ter participado no concurso e formar parte no desfile de carrozas e comparsas que se celebrará o sábado 14 de febreiro a partir das 17.30 horas.

CONCURSO DE COMPARSAS. Modalidade vestiario e coreografía
Poderán participar grupos dun mínimo de 10 participantes disfrazados para a ocasión, tras inscribirse previamente e que se comprometan a asistir ao desfile do día 14 de febreiro. O xurado deliberará e emitirá o seu fallo ao finalizar o desfile, para o que terá en conta tanto os disfraces presentados como a singularidade das creacións, os materiais de elaboración, a confección artesanal, a complexidade da confección, o volume de elementos presentados, os acabados dos disfraces e os seus complementos, así coma a graza para o seu porte e as coreografías que as comparsas desenvolvan durante o desfile.
Establécense tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, ademais de accésits.

CONCURSO DE CARROZAS
Poderán participar aquelas persoas ou entidades que previamente realizasen a inscrición e que se comprometan a construír unha carroza e asistir con ela ao desfile do día 14 de febreiro; cumprindo todos os requisitos de seguridade incluídos nas bases do concurso, tales como permisos de circulación e inspección técnica, medidas ou seguros.
Establécense cinco premios de 3.500 a 1.000 euros e accésits. O xurado, que emitirá o seu fallo ao finalizar o desfile, terá en conta a singularidade das carrozas e comparsas, os materiais de elaboración, a construción artesanal, a complexidade das construcións, os acabados da proposta e a concordancia da carroza coa comparsa á que acompañe.

CONCURSO INFANTIL E DE CHOQUEIROS
Ademais, como é tradicional, o martes de Carnaval, día 17 de febreiro, a partir das 17.00 horas, celebrarase, na praza de España, o concurso infantil de disfraces e de choqueiros. De 19.00 a 20.00 horas, na entrada principal da Escola Municipal de Música, na rúa da Torre, celebrarase o concurso de choqueiros, con premios de 600 a 150 euros aos gañadores e 100 lotes de Carnaval aos primeiros inscritos.