Mirás destaca que “entre todos estamos mellorando tanto o Camiño como a calidade dos servizos que ofrece, polo que teño a esperanza de que nuns años será unha ruta con moitos máis peregrinos”
O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, e a xerente da entidade, Cristina García Souto, participaron durante esta fin de semana no EcomWay, un evento organizado pola Deputación da Coruña e o Concello da Coruña que reuniu a profesionais do turismo, da comunicación e da mercadotecnia ao redor do Camiño Inglés. Manuel Mirás participou como poñente no congreso e recibiu en Sigüeiro (Oroso) aos participantes que percorreron as etapas que separan a cidade herculina e Compostela, peregrinación á que se sumou a xerente da asociación.
Manuel Mirás destacou que a creación desta asociación é o resultado dun traballo iniciado en 1981 e que “deu un salto de calidade cando a Deputación comezou a apoiar ao Camiño Inglés, que entre todos estamos mellorando tanto no seu trazado como na calidade dos servizos que ofrece, polo que teño a esperanza de que nuns anos será unha ruta con moitos máis peregrinos”. Neste sentido, puxo en valor que o Camiño Inglés “é unha ruta singular con tres partes: terra, mar e terra. É dicir, unhas primeiras etapas a pe en terras británicas ata os portos do sur; un segundo percorrido en barco e a parte galega do Camiño, ben desde Ferrol, ben desde A Coruña”.
Así mesmo, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés fixo fincapé en que os municipios polos que pasa esta ruta Xacobea “estamos todos unidos en torno a este diamante en bruto e o que pretendemos é dalo a coñecer e que sexa un camiño homoxéneo, cuns servizos de calidade aos peregrinos”. Algo que puideron comprobar os participantes no EcomWay que durante o venres e o sábado percorreron as tres etapas do Camiño Inglés dende A Coruña e Santiago.