O Concello de Boqueixón deu comezo onte ao Ciclo de Teatro Escena Pequena co espectáculo Os Bolechas e as portas dos Camiños. Máis de medio cento de persoas acudiron á Casa da Cultura de Camporrapado para asistiren a esta sesión cultural en familia.
A actividade incluíu unha especie de concurso na que as persoas asistentes grandes e crianzas debían responder a unha serie de preguntas sobre catro Camiños de Santiago: o Francés, o Inglés, o Portugués e a Vía da Prata.
Precisamente este último é o que ten paso e parada no municipio de Boqueixón. A través deste animado xogo, as familias asistentes puideron reforzar os seus coñecementos sobre a cultura e as rutas xacobeas.
O ciclo Escena Pequena continuará este domingo 11 de outubro co espectáculo Pallaso total, de Duende Circo. Este espectáculo desenvolverase na Carballeira de Rodiño ás 12.00 horas. En caso de choiva, a sesión trasladarase á Casa da Cultura de Camporrapado.
A última das sesións deste ciclo terá lugar o domingo 18 de outubro co espectáculo dos Monicreques de Kukas Xan Perillán, compra queixo, compra pan. A actuación terá lugar ás 12.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado. Trátase dun espectáculo que, segundo indican dende a propia organización, mestura o clown e a pantomima coa maxia dos monicreques compaxinando o lecer e o divertimento coa educación no consumo responsable e nos hábitos de vida saudables e respectuosos co medio ambiente e a ecoloxía.
A asistencia a todos os espectáculos é de balde. Dado o aforo limitado, as persoas interesadas deberán solicitar a súa entrada no Departamento de Cultura ( cultura@boqueixon.com ou no teléfono 981 513 115).