A filmoteca galega exhibirá neste mes filmes dirixidos por Ida Lupino e Angela Schanelec dos ciclos adiados dende abril por mor do estado de alarma, ademais de dar continuidade á serie documental ‘Women Make Film’
A carteleira do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) volve centrarse en outubro no cinema feito por mulleres. Entre as 28 proxeccións que se poderán ver na cinemateca da Xunta de Galicia atópanse dous ciclos que tiveron que ser adiados dende o pasado mes de abril por mor do estado de alarma, con filmes de Ida Lupino e Angela Schanelec, así como varias proxeccións especiais.
Así, a sala de exhibición cinematográfica da Coruña inclúe este mes o ciclo Esenciais: Ida Lupino, centrado na única directora que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 e a segunda en ser admitida no sindicato americano de directores, DGA. O ciclo estenderase entre o 6 e o 15 de outubro coa proxección inicial de Not Wanted, El bígamo o día 9, e El autoestopista o día 15 xunto a Never Fear, ademais de La casa de las sombras, onde Lupino substituíu ao director, Nicholas Ray, cando el enfermou sen que apareza o seu labor acreditado.
O CGAI dedícalle tamén unha completa retrospectiva á cineasta alemá Angela Schanelec, unha das voces máis destacadas da que se deu en chamar Escola de Berlín, coincidindo coa estrea en España da súa última película, Estaba en casa, pero…, premio á mellor dirección no Festival de Berlín 2019. Dentro do ciclo que se estenderá do 21 de outubro ao 18 de novembro, a filmoteca galega ofrecerá dous pases deste seu último filme os días 21 e 22. O día 23 proxectaranse cinco curtametraxes de entre os anos 1991 e 1994. As películas My sister’s good fortune e Places in cities serán proxectadas o día 28 e 30 de outubro,
respectivamente.
Actividade diaria
A programación da cinemateca da Xunta para este mes de outubro dálle continuidade así mesmo á serie documental Women Make Film, de Mark Cousins, que consta de 40 capítulos nos que se empregan exclusivamente secuencias rodadas por mulleres para abordar moi diferentes preguntas arredor do oficio cinematográfico. Este mes proxéctase a segunda quenda de capítulos, agrupados en tres sesións que teñen lugar os sábados dende o 10 ao 24 de outubro ás 18,00 h.
Ademais, haberá un novo pase de O que arde, de Oliver Laxe, o martes 20 de outubro e no marco do III Ciclo Nacional de Cine y Mujeres Rurales dos Ministerio de Agricultura e de Cultura. Tamén dentro da sección habitual Fóra de Serie se presenta a estrea galega da proxección de Pontevedra, cuna de Colón, a primeira película polícroma española que foi recuperada polo CGAI e Filmoteca Española. A curtametraxe documental rodada en 1927 na cidade de Pontevedra polo fotógrafo, cineasta e investigador Enrique Barreiro terá o seu primeiro pase en pantalla grande en Galicia o 27 de outubro na sala do CGAI na Coruña, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual instaurado pola Unesco.
As cinco proxeccións deste mes da sección habitual Fóra de serie complétanse coa curtametraxe Song for the Jungle e a longametraxe As nosas derrotas, ambas de Jean- Gabriel Périot, o día 8; A familia Samuni, de Stefano Savona, o día 14, e Tommaso, de Abel Ferrara, o día 29.
Dentro do ciclo Off Galicia: NCG10, co que o CGAI celebra unha década do xurdimento do Novo Cinema Galego coa presentación o día 16 da mediometraxe Canedo, dirixida por Vicente Vázquez e Usue Arrieta, e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, de Alberto Gracia.
A sala da Filmoteca de Galicia tamén exhibirá seis curtametraxes o día 27 na sección Desencadres: Stan Brakhage #39 e o sábado día 31 ofrecerá unha sesión da sección CGAI Júnior mediante a que propón unha serie de títulos que acheguen aos máis novos a riqueza e a diversidade do cine. Nesta ocasión, será a quenda do filme Las vidas de Marona, de Anca Damian, estreado no Festival de Annecy.
Horarios e entradas
Tras retomar a actividade o pasado mes de setembro, o CGAI continúa a concentrar as proxeccións nunha sesión diaria ás 19,30 h. de martes a venres e ás 18,00 h. os sábados, dando cumprimento ao protocolo de control sanitario.
Así mesmo, a entrada segue a ser gratuíta para todos os pases e a capacidade da sala limítase neste momento ao 50 por cento, anulando unha de cada dúas butacas para o mantemento da distancia de seguridade.