Na mostra “Realismo Maquinismo máxico e a súa vista ao redor”
Ante unha trintena de persoas tivo lugar na noite de onte a inauguración da nova exposición do Centro Cultural Lustres Rivas que, baixo o título de “Realismo Maquinismo Máxico e a súa vista ao redor”, está composta por unha vintena de óleos de Luis H. Hernández: artista nado en Barcelona e residente en Salamanca que tivo a ben acudir a un acto que contou tamén coas intervención do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, e a concelleira de Cultura María Sampedro.
Luis Hernández —quen tiña exposto con anterioridade en cidades como Barcelona, Cáceres, Madrid ou Valladolid— explicou que a colección comprende unha colección de traballos compostos nos
últimos doce anos e nos que predominan o estilo surrealista, aínda que non exento de matices costumbristas. Así, mesmo agradeceu a oportunidade de poder expoñelos en Ribeira e amosou o seu desexo de que moita xente acuda a visitalos.
Pola súa parte, o alcalde loou a calidade da colección que mesmo foi refrendada polo pintor surrealista por antonomasia do noso municipio, como é Manuel Ayaso, presente no acto inaugural. Tamén María
Sampedro significou a impronta manifesta de autores como Salvador Dalí e avanzou que o autor doará ao Concello unha das súas obras, aínda en proceso de creación.
A mostra estará aberta ata o 31 de outubro. Pode ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 12 a 14 e de 19 a 21 horas. A entrada é gratuíta.