En dous meses, o conxunto escultórico de José Castiñeiras regresará ao barrio tal e como o demandou a veciñanza para recordar este capítulo da historia da cidade do século XIX
O concello comeza a semana que vén os traballos de recolocación do monumento aos Liberais coruñeses do século XIX, para o que se realizarán obras de pavimentación na contorna da praza das Conchiñas. O conxunto escultórico, que estaba almacenado en dependencias municipais, volverá a recordar á cidadanía un capítulo da historia da nosa cidade sobre o aparcadoiro subterráneo, nun lugar idóneo que soportorá o seu peso con todas as garantías. A súa vez, esta descansará sobre un novo pedestal, o que lle dará a distinción de monumento.
Na actuación, valorada en 25.359,83 euros, eliminarase tamén unha xardiñeira que neste momento entorpece a mobilidade das e dos peóns e mais parte da beirarrúa co fin de manter o deseño na súa integridade. O prazo de execución dos traballos é de dous meses tras os que o barrio da Agra recuperará un dos seus símbolos. O concello responde así a unha demanda da veciñanza que entendía que esta obra escultórica realizada por José Castiñeiras en 1989 debía regresar ao seu
emprazamento orixinal logo da reforma da praza das Conchiñas. En concreto, a alcaldesa anunciou en febreiro e dentro dos actos de conmemoración do bicentenario do Trienio Liberal que esta homenaxe ás persoas que loitaron polos seus principios hai dous séculos tiña que estar de novo na rúa: “Unha das premisas deste goberno é a de a salvagardar o patrimonio da Coruña e pór en valor os fitos históricos que a fixeron única”.