Ambas as obras, cuxo orzamento que supera os 1,2 millóns de euros, comezarán este luns co fin de mellorar a accesibilidade e o atractivo do barrio
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que as obras da reforma do Xardín de San Carlos e da urbanización da rúa Nosa Señora do Rosario comezarán este luns para pór en valor a parte máis antiga da cidade e responder a unha demanda de hai anos da veciñanza. No caso da rúa, aplicarase unha pavimentación continua en todo o ámbito e cun orzamento que ascende a 806.330 euros consolidarase o gran potencial arqueolóxico pola existencia nela de restos da antiga porta da muralla. O proxecto reflicte a incorporación destes vestixios á reurbanización.
Por outra parte, Urbanismo cambiará na actuación a sección actual da rúa, cun esquema para o tráfico rodado, pola sección tradicional en ámbito histórico en plataforma única, como solución do espazo en que conflúen a entrada á Cidade Vella por Porta dos Ares, a conexión das rúas Campo da Estrada e mais esta e a rúa recentemente reformada Xeneral Alesón. Os traballos, que se executarán en seis meses, enmárcanse dentro da Estratexia EidusCoruña, que está financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa operativo plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
Incluirán a mellora de insfraestruturas como a recollida de pluviais, da rede de abastecemento de auga potable e o soterramento das canalizacións de electricidade, telecomunicacións e iluminación que na actualidade invaden as fachadas dos edificios. Así mesmo, recóllese a reordenación dos elementos de xardinería que xa ornamentaban o viario e a instalación de novo mobiliario urbano.
No proxecto redactado por RVR Arquitectos, protexeranse parte dos empedrados e os olmos siberianos e plantaranse unha sophora xapónica e tres exemplares de acer argénteo pola súa resistencia en ambientes mariños.
Ademais, colocaranse unhas varandas redondas de aceiro que substituirán o muro e as xardineiras demolidos nas escaleiras da avenida Porta dos Ares, o que permitirá ter desde aquí unha mellor visibilidade da praza de María Pita. Na transición entre o pavimento asfáltico e o empedrado, instalarase un banco cunha dobre función, xa que marcará o límite para orientar o tráfico rodado e protexerá as zonas de estancia. A rúa contará con catro papeleiras novas e unha placa conmemorativa de bronce na contorna da porta dos Ares, que, sobre base de granito, recollerá información acerca do sistema de murallas da cidade e a propia entrada.
Doutra banda, as obras de restauración do Xardín de San Carlos cofinanciadas nun 80% polo FEDER no marco do Programa plurirexional de España 2014-2020, permitirán que o xardín recupere o seu trazado orixinal. O proxecto conta cun orzamento de 400.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Desde a Concellaría de Medio Ambiente, informan de que o recinto permanecerá pechado ao público mentres se prolonguen os traballos de reforma, obra do enxeñeiro agrónomo Pedro Martínez Calaza.
O inicio das obras, previsto para o mes de xuño, tivo que se atrasar para protexer as especies de olmos centenarios, xa que o xardín alberga o único olmedo protexido de Galicia. O recinto está catalogado como Ben de Interese Cultural e ten no seu interior a tumba de Sir Jonh Moore, así como outros elementos de gran valor histórico.
O Xardín de San Carlos, sinalan desde Medio Ambiente, é un dos espazos verdes máis singulares da cidade e o obxectivo da reforma é recuperar parte da súa esencia, mellorar os seus atractivos e, ao mesmo tempo, ofrecerlle ao barrio da Cidade Vella un valor engadido.
As obras que levarán a cabo consisten na recuperación histórica do trazado do xardín, que volverá a ter oito xardíns con céspede e flores, que contarán con distintas especies. Pintaranse os muros interiores e realizarase unha limpeza manual dos muros de pedra. Ademais, melloraranse o pavimento e as instalacións de saneamento, rega e iluminación. Tamén se restaurarán elementos catalogados,
como as lanzas de Juan de Ciórraga e instalaranse bancos individuais que serán fixados ao chan. As obras estarán supervisadas por un arqueólogo que controlará súa execución, especialmente as que lles afecten aos elementos patrimoniais.