O prazo de presentación de solicitudes para todas as ordes de axudas é dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia
Xa está dende onte aberto o prazo para a presentación de solicitudes para as subvencións da Xunta de Galicia destinadas ao sector turístico que foron presentadas a pasada semana pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e publicadas no número 12 do Diario Oficial de Galicia.
As ordes de axudas van dirixidas concretamente a certificación, mantemento ou renovación dos distintivos Q de Calidade Turística para os establecementos turísticos galegos; aos concellos declarados municipios turísticos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro; e a promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.
No eido da calidade turística, a concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e está dirixida a establecementos de turismo rural, hoteis, apartamentos turísticos e vivendas vacacionais; así como cámpings, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios.
Esta orde de axudas para a certificación, mantemento ou renovación do Q de Calidade Turística está dotada con 90.000 euros co obxectivo de impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os esixentes estándares fixados polo Instituto de Calidade Turística Española (ICTE).
En canto ás subvencións para a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e está dotada con 250.000 euros, un 42% máis que no 2014.
A finalidade desta orde de axudas é potenciar a imaxe dos municipios de interese turístico así como a imaxe do destino Galicia no seu conxunto, nestes meses que a afluencia turística fai necesaria a ampliación do persoal dedicado á información turística.
Por último, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas relativas á promoción e difusión das festas de interese turístico, dotada con 300.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes para todas as ordes de axudas é dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.