Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades homenaxea a Ramiro López Cotón no seu 103 aniversario


O alcalde, Roberto Rey, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos, entregáronlle unha placa conmemorativa

O veciño máis lonxevo de Frades, Ramiro López Cotón, vén de cumprir 103 anos o pasado martes 29 de setembro, unha data que celebrou na súa casa e coa familia máis próxima. Onte xoves 1 de outubro, o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos Bra, achegáronse á súa vivenda en Aiazo para entregarlle unha placa conmemorativa do Concello de Frades. Ramiro López Cotón naceu o 29 de setembro de 1917 na parroquia de Aiazo (Frades). Goza de boa saúde e está totalmente lúcido, se ben pola idade perdeu audición e, a pesar dos aparellos que leva, é preciso falarlle nun ton máis alto do habitual. Nestes días leva un brazo en cabestrillo, debido a unha caída que lle afectou ao ombreiro.
Ramiro López Cotón foi un dos primeiros zapateiros de Frades e da comarca de Ordes, “pois antes os zapateiros viñan de Noia”, explica e recalca que se dedicou a este oficio cando “daquela cando se cosía e se facía todo a man”. Casado con Consuelo, ten catro fillos, unha decena de netos/as e algún que outro bisneto.