O primeiro deles, Escena Pequena, está dirixido a crianzas, mentres que BocAberta se centrará no público adulto
O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha dous ciclos de teatro coa intención de que teñan continuidade no tempo. Desenvolveranse en outubro e novembro e ofrecerán un total de tres espectáculos por mes.
As entradas a todas as actuacións serán de balde. Porén, por motivos de aforo e para cumprir con todas as medidas de seguridade e prevención contra a COVID-19, deberase solicitar o pase previamente no Departamento de Cultura do Concello de Boqueixón a través do enderezo electrónico cultura@boqueixon.com ou chamando ao teléfono 981 513 115.
Baixo o nome de Escena Pequena, o primeiro dos ciclos de teatro estará dirixido ao público infantil e desenvolverase durante este mes. As representacións darán comezo o domingo 4 de outubro co espectáculo Os Bolechas e as portas do Camiño. A cita terá lugar ás 12.00 horas na Casa da Cultura de Camporrapado. Esta proposta está incluída dentro do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O domingo 11 de outubro será a quenda para o espectáculo Pallaso total, de Duende Circo. Esta representación, na que colabora a Deputación da Coruña, levarase á Carballeira de Rodiño e comezará ás 12.00 horas. En caso de choiva, trasladarase á Casa da Cultura de Camporrapado.
Escena Pequena finalizará o vindeiro 12 de outubro coa posta en escena do espectáculo dos Monicreques de Kukas Xan Perillán, compra queixo, compra pan. A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá esta actuación a partires das 12.00 horas. Esta proposta tamén se inclúe no programa FalaRedes da
Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ciclo BocAberta
Xa para o mes de novembro resérvase o ciclo de teatro BocAberta, dirixido a público adulto. As tres actuacións desenvolveranse na Casa da Cultura de Camporrapado ás 17.30 horas e contan coa colaboración da Deputación da Coruña para a súa posta en escena.
A primeira das citas terá lugar o domingo 1 de novembro co espectáculo de humor Running, da compañía De Ste Xeito. O día 8 será a quenda do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira coa comedia O rei Telesforo busca noiva (e quere noivo).
Finalizará o ciclo BocAberta con Tabú, de Tarabela Creativa. Trátase dun espectáculo co que se conmemora o Día contra a Violencia de Xénero e no que se poñen de manifesto vivencias de erótica e sexualidade en épocas pasadas.
Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza a asistir ás distintas sesións de ambos os dous ciclos. Ao tempo, lembran a obrigatoriedade de cumprir con todas as medidas de prevención contra a COVID-19 marcadas polas autoridades sanitarias.