No pleno do luns 28, un dos puntos da orde do día que saíu adiante foi unha resolución focalizada no eido económico-laboral mediante a adhesión do Concello da Pobra ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia, impulsado pola Deputación da Coruña, e que ten como finalidade realizar unha asignación económica aos concellos da provincia de menos de 50000 habitantes, para que estas administracións locais poidan convocar unha liña de axudas económicas para o empresariado autónomo e microempresas (entre 1 e 9 persoas traballadoras) que se visen afectados en distintos xeitos pola crise económica xerada pola COVID-19. Así o deron a coñecer este mesmo mediodía o alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira da Dinamización Económica, Charo Varela.
No caso concreto da Pobra, a contía asignada pola institución provincial é de 126129’63 euros e o Concello debe achegar un mínimo de 31532’41 euros adicionais procedentes dos seus recursos propios, mais, tal e como expuxo a edil, decidiuse que a achega municipal sexa de 373870’37 euros, que se sumarán aos proporcionados pola institución provincial, redundando en ao redor de 500000 euros, para “chegar a dar resposta a tódalas necesidades”. Como posibles beneficiarias destas axudas figuran tres tipos de empresas: teñen preferencia aquelas que pecharon durante o confinamento de forma obrigatoria seguindo o Real decreto 463/2020, as que tiveron perdas superiores ao 75% da súa facturación e aquelas sometidas a ERTE. Segundo estimacións da Administración local, poden optar ao redor de 649 negocios pobrenses, cunhas achegas que van dende 1500 euros por unha empresa que non teña ningunha persoa empregada ata 3000 euros para aquelas cuxo cadro de persoal se compón de entre 6 e 9. Neste senso, a concelleira lembrou que, unha vez que teñan resoltas tódalas subvencións, teñen como obxectivo facer unha análise de tódalas empresas que chegan a obte-la achega e estudar unha posible liña de axudas, a maiores, para aquelas que non resultaron beneficiarias, a pesar de sufri-las consecuencias da crise.
Pola súa parte, o rexedor indicou que “había a posibilidade de sacar unha liña propia”, pero que, unha vez coñeceron as bases da Deputación para o PEL- Reactiva, “logo de estudalas vimos que se adaptaban, se non á perfección, si moito ás intencións que marcamos dende o principio e ao compromiso que adquirimos coa hostalaría, cos comercios e cos empresarios e empresarias con quen tivemos contacto durante todos estes meses.” Neste senso, apuntou que se trata dunha partida económica “moi superior” á que estaría obrigado o Concello por parte da institución provincial, pois asegurou que “multiplicamos por dez, practicamente” a contía, razón pola cal manifestou que supón “un esforzo considerable por parte do Concello e agradecemos tamén o traballo da Deputación por sacar esta liña de axudas.” No que respecta a prazos para presentar solicitudes, precisou que aínda non existe unha data establecida, pois hai que realizar todo un procedemento por parte de ámbalas administracións, pero, unha vez que conclúa, procederase a dar traslado á cidadanía de cando se procede á apertura do período. Concluíu apuntando que “prevemos que vai haber empresas que queden fóra e haberá que analizar por que”, engadindo que “do que tratamos é de actuar cun principio de precaución, o mesmo que aplica a
Deputación para que as axudas cheguen, primeiramente, a quen realmente as necesita e, despois, coas que por algún motivo non encaixan nestas bases, veremos como podemos deseñar unha nova liña de axudas.”