Saturday 16 de November de 2024

O centro de coworking “Transformando en Brión” xa dispón de 29 produtos listos para a súa comercialización


O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde, Pablo Lago Sanmartín, visitaron o coworking, o único en Galicia que permite aos pequenos produtores locais do sector agrícola transformar os seus produtos frescos en elaborados

Nove meses despois da súa inauguración, e a pesar do parón na actividade durante varios meses debido á pandemia da COVID-19, o centro de coworking “Transformando en Brión”, pertencente á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, funciona a pleno rendemento tanto no aspecto formativo como na elaboración de produtos.
Un total de 29 elaboracións a base de froitas e hortalizas procedentes de pequenas explotacións agrícolas da comarca están xa preparadas para a súa comercialización, pendentes unicamente das analíticas de laboratorio e do etiquetado final para comezar a ser distribuídas ao público en tendas e puntos de venda especializados, feiras agrícolas ou restaurantes.
Zumes de uva, mazá pexego e limón, marmeladas de pementos, tomate ou uva, salsa de tomate, paté de berinxela, pementos asados, pisto, hortalizas encurtidas, crema de verduras ou mesmo kétchup son algúns dos primeiros produtos que sairán deste centro de Brión, axudando a dar saída e valor no mercado a moitos excedentes do agro local que antes de perdían.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o novo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, acompañados dos deputados provinciais Blas García e Antonio Leira, visitaron hoxe as instalacións de Monte Balado, onde Dora Vieiro, responsable do centro, explicou en detalle a intensa actividade que se desenvolve no mesmo.

González Formoso destacou “o traballo e dedicación” dos produtores durante estes meses e “o empeño e ilusión” que depositou no proxecto o anterior alcalde, José Luis García, para pór en funcionamento “un centro único e pioneiro en Galicia, que demostra que hai oportunidades no rural e que temos un enorme potencial aínda por explotar no agro galego”.

O presidente destacou que “o plantexamento colectivo é a clave do éxito” deste centro, xa que axuda a superar o atranco fundamental co que se atopaban os pequenos produtores para asumir individualmente o elevado investimento necesario nos equipamentos e maquinaria necesarias para transformar, obter as certificacións sanitarias e poder comercializar os seus produtos.
“Para a Deputación é unha satisfacción ver como este investimento realizado en colaboración co Concello de Brión resulta útil para os produtores e está dando bos resultados”, sostivo Valentín González, que que anunciou que a Deputación da Coruña “tomará como exemplo” o centro brionés para reproducir un modelo similar en Moeche, onde se está a construír outro centro da Rede Provincial de Espazos de Cowoking que tamén estará centrado na transformación de produtos do sector primario.
318 persoas formáronse no centro

Pola súa banda, o alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu a visita do presidente para interesarse polo funcionamento do centro e as necesidades do concello. Así, Lago Sanmartín agradeceu o traballo que está a levar a cabo a Deputación co Plan Director das Torres de Altamira e aproveitou para solicitar a edición de máis exemplares do libro “A batalla de Altamira”, para poder así repartilo entre os veciños e veciñas do municipio.
Sobre o espazo colaborativo, o rexedor destacou que boa parte das persoas que se forman e traballan no centro son mulleres e menores de trinta anos, e subliñou que desde a súa posta en marcha xa se celebraron 19 cursos (máis de 390 horas de formación) nos que participaron 318 persoas, “o que amosa que hai demanda e interese, que unha instalación coma esta era necesaria e que hai futuro no rural se apostamos por el”, afirmou.
O alcalde manifestou que espera que o centro obteña este mesmo ano as autorizacións para comezar a comercializar estes primeiros produtos elaborados con froitas e verduras da comarca e que, no futuro, se poda ampliar a actividade coa produción de queixos, embutidos, conservas ou pan. Un futuro no que agarda poder contar tamén coa colaboración da Deputación na posta en marcha do matadoiro móbil de aves e coellos. “Sería outra iniciativa pioneira no sector: un vehículo perfectamente equipado que irá polas casas que así o soliciten para que os nosos veciños e veciñas poidan usalo ben para autoconsumo, ben para poder vender esa carne no mercado con todas as autorizacións sanitarias. Porque se hoxe estamos á espera de comercializar os nosos primeiros produtos elaborados con froitas e verduras, estamos seguros de que nuns meses poderemos facer o mesmo con aves e coellos”, indicou Lago Sanmartín.
Mellora da seguridade na estrada Gándara-Amañecida
Durante a mañá de hoxe, o presidente provincial e o alcalde visitaron tamén as obras de mellora que a Deputación da Coruña está a acometer para mellorar a seguridade viaria en distintos tramos na estrada DP 1301 da Gándara a Amañecida, cun investimento superior aos 462.000 euros.

Nun dos tramos, que vai do punto quilométrico 3+520 ao 5+870, o servizo de Vías e obras xa completou a actuación, que incluíu a mellora da rasante do tramo e a creación de sobreanchos, así como a renovación completa da capa de rodaxe.
Nos primeiros 400 metros da DP-1301, a Deputación está a executar actualmente as obras de ampliación e mellora do trazado, que suporán a ampliación da calzada ata os sete metros de ancho e a creación de beiravías de medio metro, ademais da rectificación dalgunhas curvas de trazado perigoso. Os traballos inclúen a ampliación dunha pequena ponte existente entre os PQ 0+304 e 0+330 cun novo taboleiro formado por unha viga en dobre T e lousa de compresión formigonada in situ.