Silvia Agrafojo explica que “é un programa para todos os públicos e gustos co que buscamos que os veciños e veciñas de Lousame poidan desconectar un pouco e desfrutar da cultura”
O Concello de Lousame ten organizado un amplo programa cultural para este mes de outubro, que inclúe oito espectáculos familiares e gratuítos que foron presentados esta mañá pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo. Unha programación que comezará este domingo 4 de outubro cun Festival de Novo Circo, que inclúe dous espectáculos de clown.
Silvia Agrafojo explica que este programa “é unha mostra máis da aposta do Concello de Lousame pola cultura. Sabemos que pasamos por unha etapa diferente e complicada, tanto para o sector como para os propios veciños e veciñas de Lousame. E o que buscamos é que poidan desconectar un pouco e desfrutar destas actividades culturais. Cremos que é un abano moi amplo, con actividades para todos os gustos e idades”.
Así mesmo, a concelleira fixo fincapé nas estritas medidas de seguridade que se toman na realización deste tipo de actividades. “A semana pasada tivemos dous obradoiros para nenos e para bebés dirixidos por Esperanza Mara e as familias nos transmitiron tanto o moito que desfrutaron como a seguridade que se mantivo durante toda a actividade”, apunta Silvia Agrafojo. Por iso, o aforo das actividades é limitado e en todos os casos é preciso anotarse previamente na Casa da Cultura ou chamando ao 981 825 780.
Programación
O programa arrinca este domingo 4 de outubro co “Festival novo circo”, unha iniciativa que reúne dous espectáculos de clown: “Peter Punk e o neno imperdible” e “Hell Brothers”, da man dos grupos Peter Punk e Cirkompacto. Dúas actuacións dirixidas a un público infantil e familiar que terán lugar no polideportivo municipal de Lousame a partir das 18:30 horas e que inclúen unha selección de humor, clown, acrobacias e malabares.
A día de hoxe xa están cubertas 50 das 100 prazas dispoñibles para o espectáculo. Como mañá venres é festivo local en Lousame, tamén se admitirán reservas de entradas no e-mail: culturadelousame@gmail.com .
Para a seguinte fin de semana, dobre ración de teatro. O sábado 10 de outubro Quico Cadaval presentará o monólogo “Complexo de Edipo”, un espectáculo dunha hora de duración e dirixido a un público a partir de 14 anos. O coñecido narrador, director teatral e actor galego establecerá un diálogo imaxinario coa autora dos seus días sobre o mito de Edipo e o triste destino da familia real de Tebas. E o domingo 11 de setembro, Xoque Carbajal e Jouse García presentarán “Go on! Unha odisea cómica no espazo galego”. Trátase do último espectáculo de Malasombra Producións no que, en clave de humor, falan da chegada do home a Galicia.
O sábado 17 de outubro terá lugar unha novidosa “escape room” de Harry Potter, na que as persoas participantes deberán tirar de inxenio para ir resolvendo distintos misterios. O domingo 18, música da man de Uxía Lambona e a banda molona, que porán en escena o seu último espectáculo “Astronauta sideral”. A programación completarase o domingo 25 con
“Running”, unha parodia do ritmo de vida actual da compañía “De Ste Xeito”; coa proxección do filme “O que arde” o venres 30, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura; e unha actuación teatral da Xanela do Maxín o sábado 31, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura.