Ángeles Vázquez Mejuto visitará a mañá do venres a Fraga do Xarío, en Miño, onde se executou a segunda fase de acondicionamento da zona.
En 2019 o goberno local atopouse con esta parcela municipal en estado de abandono, que está a recuperar con intervencións anuais para dotar a Miño de espazos naturais nas proximidades da praia Grande de Miño e a urbanización de Costa Miño.
Así, hai un ano iniciáronse os labores de acondicionamento dos 58.000 m2 de espazo público adxacentes ao río Xarío, nos que se eliminaron especies alóctonas e/ou invasoras, ademais de plantar árbores autóctonas e colocar paneis informativos.
O proxecto Fraga do Xarío Fase II, tamén financiado por Fondos FEDER a través da Consellería de Medio Ambiente do mesmo xeito que a Fase I, consistiu na consolidación do circuíto principal de sendas para limitar as zonas de paso nunha contorna protexida polo seu valor ambiental, mantendo áreas naturais libres de circulación para mellorar a biodiversidade do corredor fluvial.
Nesta segunda actuación mellorouse o firme da senda nun tramo de 725 metros, un 65% do total do percorrido peonil.
Na Fase II tamén se construíron pasos sobre o río con pedra e chanzos de madeira para pasar nalgunhas zonas da senda. A intervención ambiental consistiu na limpeza de sedimentos sobre o río e a eliminación de especies exóticas invasoras. Nos elementos de valor patrimonial foi urxente intervir nas pontes de pedra tradicionais e na colocación elementos de sinalización.
Fraga do Xarío é un bosque de ribeira autóctono para góceo da poboación, favorecer un acceso responsable á contorna natural e potenciar a concienciación ecolóxica. A parcela de titularidade municipal contan con 58.000 metros cadrados no último tramo do Río Xarío, que verte as súas augas na Enseada de Bañobre, dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, con grande importancia ecolóxica -as marismas do Baxoi son zona núcleo da Reserva- e patrimonial, contando con antigos muíños e outras arquitecturas tradicionais.