Friday 22 de November de 2024

Boqueixón pecha o exercicio 2019 cun superávit de máis de 650.000 euros


O Pleno dá luz verde a unha moción conxunta contra o peche da sucursal de Abanca en Ponte Ledesma

O Concello de Boqueixón pechou o exercicio 2019 cun superávit de 650.000 euros. Así o indicou o alcalde, Manuel Fernández Munín, na sesión plenaria ordinaria celebrada onte. “Esta partida permitiranos destinar algo máis da metade, 360.000 euros, á financiación que lle corresponde ao Concello para a construción da nova depuradora de Sergude”, explicou.
Co montante restante deste superávit realizaranse diverso tipo de investimentos. “Ademais de arranxos e obras de acondicionamento nos servizos básicos e infraestruturas viarias nas distintas parroquias, reservaremos unha partida de arredor de 20.000 euros para proceder á habilitación da cuberta do parque infantil da escola unitaria de Sergude. Deste xeito, as crianzas das tres escolas unitarias de Boqueixón poderán desfrutar dos parques nos días de mal tempo”, asegurou o rexedor boqueixonés.
Esta actuación sumarase ás que xa están a construír para os parques infantís de Lestedo e Camporrapado, e que supoñen un investimento de algo máis de 50.000 euros. Este proxecto conta cunha subvención da Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia para a súa execución.
A orde do día contemplou tamén a aprobación dos festivos locais, co apoio do PP e a abstención de Veciñ@s de Boqueixón. Neste caso, quedarán fixados o Martes de Entroido e o día da Ascensión.
Por outra banda, aprobáronse do Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais e un suplemento de crédito por algo máis de 61.000 euros. Esta operación levouse a cabo para proceder ao abono de facturas pendentes. Ambos os dous puntos foron aprobados co apoio do PP e a abstención de Veciñ@s de Boqueixón.
Moción conxunta contra o peche da oficina de Abanca
O Pleno deu onte luz verde unánime a unha moción conxunta dos dous grupos políticos municipais (PP e Veciñ@s de Boqueixón) contra o peche da sucursal de Abanca en Ponte Ledesma. Acordouse tamén que a petición se traslade a outros concellos da contorna afectados por esta situación (Vila de Cruces,
Touro, A Estrada e Silleda) co fin de sumar apoios para, despois, remitir a petición a Abanca e á Xunta de Galicia.