Friday 22 de November de 2024

Máis do 50% dos turistas que visitaron Padrón este verán eran peregrinos


A afluencia de visitantes supera as expectativas de Turismo para este verán // Galicia, Madrid, Cataluña e Andalucía son as comunidades das que chegaron máis persoas

Este verán o Concello de Padrón recibiu a un total de 3.589 visitantes, o 52,2 % eran peregrinos, segundo os datos da Oficina de Turismo municipal correspondentes aos meses de xuño, xullo, agosto e da métade de setembro. No rexistro municipal contabilizáronse 1.875 peregrinos, se ben tamén hai que ter en conta os números da Igrexa Parroquial de Santiago de Padrón, posto que non todos os turistas visitan a Oficina de Turismo municipal. Así, as cifras que manexan dende o organismo relixioso sinalan que entre xullo e agosto Padrón acolleu a 7.023 visitantes, e destes un total de 4.394 facían o Camiño de Santiago.
O balance turístico do verán en Padrón mostra os efectos da pandemia da Covid-19, que implica un descenso importante no número de visitantes. Porén, as visitas superaron as expectativas e as previsións dos expertos en turismo, xa que antes da época estival vaticinaban unha caída maior. A concelleira de
Turismo, Lorena Couso, explicou que “dende Turismo púxose o foco na promoción de Padrón como un destino seguro, no que desfrutar de actividades ao aire libre e no que, sobre todo, deleitarse co patrimonio cultural”. Na súa labor de dinamización do eido turístico e comercial, dende a concellaría de
Turismo impulsaron un Plan de reactivación no que se incluíron varias campañas de marketing. O departamento promoveu a pintada dos pasos dos peóns para reivindicar o produto por excelencia da vila, o pemento. Tamén deseñaron unha nova marca corporativa de Turismo, puxeron en marcha unha plataforma dixital para que os comerciantes locais poidan promocionar os seus produtos online, e deseñaron un programa cultural tendo en conta todas as medidas de seguridade hixiénico-sanitarias que determinan as autoridades.
Intereses e procedencia dos turistas
Unha das actividades máis destacadas entre as que organiza a Oficina de Turismo son as visitas guiadas ao Xardín Botánico de Padrón, nas que este verán participaron un total de 130 persoas. O equipo de Turismo determina unhas medidas de seguridade sanitaria moi ríxidas para a realización deste tipo de iniciativas. O uso da máscara é obrigatoria durante toda visita, ao igual que a distancia de seguridade debe manterse de xeito constante entre todos os participantes.
Respecto á procedencia dos visitantes a Padrón, maioritariamente este verán os turistas eran de orixe nacional, sendo Madrid, Galicia, Andalucía e Cataluña as comunidades das que máis turistas chegaron. Tamén houbo visitantes europeos, entre os que destaca a chegada de persoas de Alemaña, Portugal e
Italia. No caso das persoas estranxeiras eran, na súa maioría, peregrinos. Dende a Oficina de Turismo explican, que este verán entregaron 1.118 diplomas da Pedronía, sendo esta a consulta máis habitual entre os peregrinos, que tamén demandaron información sobre os aloxamentos na vila e sobre o
tramo do Camiño que vai de Padrón a Santiago. En xeral os turistas solicitaron información sobre os recursos turísticos da vila, da comarca e das zonas máis próximas, así como horarios de medios de transporte ou de museos.