A Concellería de Cultura levará a cabo un ciclo con proxeccións de filmes para toda a familia.
Volven as tardes de cine ao Concello de Carral. A Concellería de Cultura arrincará este venres, 2 de outubro, un novo ciclo que inclúe propostas fílmicas para todas as idades. O programa levarase a cabo entre os meses de outubro e decembro, e todas as propostas terán lugar os venres, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura.
O Concello ofrecerá este venres a primeira película, Todos lo saben. A longametraxe conta a historia de Laura, que viaxa coa súa familia desde Bos Aires ata España para asistir á voda da súa irmá.
A iniciativa continuará coa proxección de Lady Bird, que chegará á Casa da Cultura o 9 de outubro. Neste caso, Christine –Lady Bird-, unha adolescente que está no seu último ano de instituto, é a protagonista da historia.
Alita: angel de combate chegará a Carral o 16 de outubro. O filme está protagonizado por Rosa, que non só non lembra quen é, senón que un día espera nun mundo que non coñece.
Os veciños e veciñas poderán gozar de Malos tiempos en el Royale o 23 de outubro. O filme trata sobre a reunión entre sete descoñecidos no hotel El Royale, un sitio ruinoso cun escuro pasado.
O 30 de outubro será a quenda de Eroski Paraíso, na que Álex quere filmar un documental sobre seus pais, que se coñeceron no 1989, na sala de festas Paraíso (Muros).
El día que vendrá formará parte tamén do ciclo de cine (6 de novembro). A película está ambientada en Alemaña, ano 1946. Rachel Morgan aterra nas ruínas de Hamburgo para reunirse co seu marido, Lewis, un coronel británico que recibiu a misión de reconstruír a cidade destruída.
Novembro continuará coa proxección do filme Johnny English: de nuevo en acción. Cando un ciberataque revela a identidade de todos os axentes secretos de Reino Unido, Johnny English convértese na única esperanza do servizo secreto.
El arte de vivir bajo la lluvia chegará o 20 de novembro, relatando a historia dun can chamado Enzo que rememora as leccións aprendidas de Denny, un piloto de carreiras.
A seguinte película do programa será ¿Podrás perdonarme algún día?, proxectándose o 27 de novembro. Esta segue historia de Lee Israel, unha respectada biógrafa en decadencia que comeza a falsificar cartas de escritores e celebridades falecidas co fin de pagar o aluguer.
O ciclo continuará o 4 de decembro coa proxección de Ad Astra. Esta película conta a historia do astronatuta Roy McBride, quen viaxa aos límites exteriores do sistema solar para atopar ao seu pai perdido e desentrañar un misterio que ameaza á Terra.
O ciclo de cine pecharase o 11 de decembro con Misión: imposible-fallout. Trátase da sexta entrega da saga, que presenta a Ethan Hunt e ao seu equipo IMF nunha loita a contrarreloxoso despois de que unha misión saia mal.
As localidades son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán reservar os seus convites 48 horas antes de cada actividade. Atendendo á situación sanitaria provocada pola COVID-19, o uso da máscara e o mantemento a distancia de seguridade serán obrigatorios.