Retómase a actividade respondendo, deste xeito, ás demandas das familias das persoas usuarias
O Concello de Boqueixón vén de iniciar un novo curso do programa de Prevención da Dependencia. Dado que as persoas usuarias se atopan dentro do coñecido como grupo de risco, elaborouse un protocolo específico de prevención contra a COVID-19.
Distancia de seguridade, redución das persoas usuarias que utilizan o transporte, medidas de desinfección, toma de temperatura antes de subir á furgoneta ou entrar no local ou material funxible personalizado son algunhas das múltiples medidas que se están a tomar para evitar posibles contaxios.
As sesións contan con arredor de 10 participantes que acoden todos os martes e xoves pola tarde ao local da parroquia de Vigo para participaren nas distintas actividades. O Concello retomou este programa “debido á demanda das familias das persoas maiores que participan xa que levan dende o mes de
marzo nos seus domicilios sen actividade. O programa diríxese a un perfil específico de persoas maiores, que podemos identificar como maiores de risco, porque reúnen unha serie de circunstancias que poden determinar unha rápida evolución a situacións de dependencia, como por exemplo persoas maiores
que viven soas, con un deterioro incipiente a nivel físico e cognitivo que comeza a limitar a súa autonomía, con escasos apoios socio-familiares, aillamento social…”, explica a educadora familiar de Boqueixón, María Pereira.
Entre as propostas que se levan a cabo no programa de Prevención da Dependencia atópanse o obradoiro de memoria, entrenamento cognitivo a través dos materiais de estimulación dos que dispón o programa, autoestima, reminiscencia, cultura… Unhas propostas que se complementan con actividades de xeronto-ximnasia e sesións de psicomotricidade fina. “Todas as actividades –explica María Pereira- están dirixidas a mellorar e/ou manter a autonomía das persoas maiores para que poidan envellecer na casa coa maior calidade de vida posible”.