Friday 22 de November de 2024

O Concello de Camariñas pretende transformar a Lonxa Vella nun Museo dos Naufraxios


Sandra Insua e Encarna Liñeiro reuníronse cos técnicos de Portos de Galicia para avanzar na cesión da titularidade do edificio.
O goberno local de Camariñas pretende darlle vida á Lonxa Vella transformando o antigo edificio no Museo dos Naufraxios. Para iso, primeiro necesita que a Xunta de Galicia efectúe a transferencia da titularidade do inmoble, que se atopa actualmente baleiro e en estado ruinoso.
As xestións para a cesión da titularidade do edificio avanzaron hoxe nunha reunión telemática cos técnicos de Portos de Galicia na que participaron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a concelleira Encarna Liñeiro. O obxectivo deste encontro era concretar os usos que o Concello destinará á Lonxa Vella.
Ademais de converterse no Museo dos Naufraxios tamén se habilitará no edificio unha sala que albergará conferencias ou cursos formativos. Por outra banda, instalarase unha cafetería que dará uso aos usuarios e usuarias do museo.
A alcaldesa Sandra Insua avanzou que se están intentando apurar os prazos para poder optar a diferentes axudas “como as do GALP para poder crear o museo dos naufraxios” e subliñou o apoio do Concello ao asumir o uso do inmoble e “facer un esforzo importante para adecentar, darlle utilidade e poñer en valor parte da historia de Camariñas, que estea en bo estado e que volva ser útil”.
Agora, para que poidan comezar os trámites administrativos para efectuar o cambio de titularidade o goberno local enviará por escrito a Portos de Galicia o proxecto para a rehabilitación do edificio e a modificación do seu uso.