Monday 25 de November de 2024

A exposición “Queridas donas” de Isabel Seco Espada amosarase na Casa da Cultura até o 10 de outubro


A exposición de pintura de Isabel Seco Espada amplía as súas datas na sala de exposición temporais da Casa da Cultura de Fene. A mostra, titulada “Queridas donas” poderá visitarse nesta instalación municipal até o vindeiro 10 de outubro en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A entrada ao recinto é libre, sen necesidade de solicitar cita previa, pero con aforo limitado (10 persoas).
Segundo a artista, “a exposición Queridas donas está adicada a todas as mulleres que forman parte da miña vida, aos sentimentos e emocións das mulleres libres, mulleres namoradas, mulleres valentes, mulleres teimudas, mulleres apaixonadas, mulleres estresadas, mulleres solitarias, mulleres soas, mulleres ilusionadas, mulleres tristes, mulleres vitais, mulleres abandonadas, mulleres respetables, mulleres celosas, mulleres plenas…”
A mostra inclúe acuarelas, óleos e acrílicos de estilo realista e abstracto, obras nas que, ademais, emprega materiais cotiás coma o papel, a area e o xeso. En Queridas donas hai cadros feitos con pincel, con paleta, con rotulador e coas mans; empregando distintas técnicas para o seu acabado.
Sobre a artista:
Isabel Seco Espada naceu en Laraxe, no concello de Cabanas, aínda que leva afincada en Fene case trinta anos. Desde moi pequena sentiu que precisaba pintar para expresarse e, porén, segundo ela mesma asegura, “non me adiquei profesionalmente a esta arte”.
Os seus comezos foron co profesor de artes plásticas e escritor Andrés Fernández Rifón. Posteriormente formouse co pintor e ilustrador Leandro Lamas e, na actualidade, é a profesora de arte Begoña Gorostidi, a que a acompaña nesta andaina.