Monday 25 de November de 2024

Aberto o prazo de reserva de entradas para os espectáculos de Street Dance Presto Vivace e Wöyza


O Festival das Ondas Urbanas, que organiza a Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña, traerá este sábado a Fene ao grupo de danzas urbanas Street Dance Presto Vivace e á cantante de hiphop-soul e rhythm and blues Wöyza. A función comezará ás 20.00 horas na praza do alcalde Ramón José Souto González e desenvolverase baixo carpa. As entradas, de balde, xa están a disposición do público na páxina de Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras- musicas/praza-do-concello-de-fene/11696–festival-das-ondas-urbanas-2020-street-dance- presto-vivace-danzas-urbanas-e-os-seus-estilos-e-woyza.html). Cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das dúas persoas que acudirán ao espectáculo.
“Danzas urbanas e os seus estilos”, do grupo Street Dance Presto Vivace, é unha proposta interactiva de danzas urbanas hip-hop, popping, funky, dance-hall, waacking, sexy-style….
En “Danzas urbanas e os seus estilos”, as catro bailarinas adéntranse no mundo das danzas urbanas cunha pequena explicación didáctica de cada estilo para, a continuación, poñelo na práctica cunha serie de coreografías de cada estilo. “A arquitectura coreográfica así como a riqueza visual e musical e a enerxía física quedan patentes na actuación producindo no público unha sensación agradable e un maior coñecemento da cultura do baile”.
Unha vez finalizado o espectáculo de Street Dance Presto Vivace, o mesmo sábado 3 de outubro actuará tamén na praza do alcalde Ramón José Souto González de Fene a cantante, letrista e produtora galego-uruguaia Wöyza. Pioneira e referente no hiphop-soul e R&B en lingua española e galega, Wöyza comezou a súa carreira musical en Vigo, en 2003, vencellada á escena hiphop estatal e portuguesa. En solitario, conta con dous LPs: “Pisando el suelo que ves” (2008) e “Pelea” (2016); tres EPs: “Siénteme”(2005), “Si/No” (2015) e “Tábula Rasa” (2019) así como unha infinidade de vídeos musicais, singles e
colaboracións.
Ámbalas dúas actuacións –Street Dance Presto Vivace e Wöyza- desenvolveranse baixo carpa e con aforo limitado (146 persoas).

Todos os espectáculos do Festival das Ondas Urbanas de Fene, que comeza xa este venres cun concerto didáctico do rapeiro García MC, desenvolveranse baixo a premisa da #culturasegura, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade. Neste senso, dende a organización recomendan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos mesmos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos.
Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais (non haberá para grupos de convivintes) durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización..